Será ás 20 h no Teatro Municipal nun concerto protagonizado polas distintas agrupacións do alumnado deste centro de ensinanza musical
“Sinfonía de Nadal” é o título do concerto que mañá ofrecerá o alumnado do Conservatorio e da Escola de Música de Tui no Teatro Municipal de Tui. Comezará ás 20 h e estará protagonizado polas distintas agrupacións do centro. Este evento forma parte da programación “Tui, o Camiño do Nadal” organizada polo Concello de Tui.
Ao longo do concerto o alumnado amosará o seu talento e esforzo interpretando un variado repertorio que irá da música clásica, á tradición galega, e aos ritmos máis modernos. Actuará a Banda e o Coro do Grao Profesional, o grupo de Música e Movemento, a Big Band do Grao Elemental. Momento especial será o peche coa actuación conxunta da Orquestra de Cordas do Grao Profesional e de todos os coros do centro.
Esta “Sinfonía de Nadal” é evento pensado para todos os públicos que durante 80 minutos poderán gozar da calidade do alumnado que coas súas interpretacións a través da música transmitirán o espírito do Nadal.
A entrada, de balde, poderá retirarse mañá dende ás 19 h no vestíbulo do Teatro.



