O Convenio con SEAGA permitirá facer a tala da zona de Río Frío para previr incendios forestais

adminON
Lectura mínima de 2

A Consellería de Medio Rural atendeu a demanda do Concello de Redondela e acometerá a limpeza e tala da biomasa en Río Frío, na parroquia de Chapela, nunha  zona próxima ás vivendas.  A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Pilar Martínez, solicitara o pasado mes de marzo á Dirección Xeral de Defesa do Monte “as inspeccións oportunas nas faixas secundarias de biomasa para previr incendios forestais”. Previamente desde o Concello xa se solicitara aos propietarios dunhas 30 parcelas desta zona de monte con arborado e matogueira que procedesen á súa limpeza  “pero dunha vintena de terreos non están identificado os seus propietarios”, explica a concelleira. Ante a falta de medios propios por parte do Concello para realizar a limpeza, tramitouse a solicitude ante a consellería do Medio Rural “que é a responsable en materia de prevención de incendios”. A solicitude realizouse en base ao convenio de colaboración asinado entre o Concello, a Xunta, FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) e SEAGA (Empresa Pública de Sevizos Agrarios Galegos) poderá realizarse.

Pilar Martínez explica que xa recibiron contestación positiva desde a Consellería de Medio Rural “que será quen realice a xestión da biomasa e a retirada de especies arbóreas, na súa maior parte eucaliptos e piñeiros”. A concelleira confía en que os traballos se realicen “no prazo de tempo máis breve posible, xa que o risco de incendio aumenta coa chegada do verán e os veciños da zona levan moitos anos demandando unha solución”.

Comparte este artigo