O goberno de Ponteareas deu conta no pleno do traballo realizado neste ano e nove meses de acción centrada na atención ás persoas máis vulnerables, modernización dos servizos, reactivación económica e formación.
A alcaldesa Nava Castro trasladou na súa intervención as obras e servizos materializados e visibles para toda a cidadanía como a nova ludoteca municipal, a nova escola infantil, a ampliación da cobertura do servizo de axuda no fogar (SAF), a creación da primeira residencia de artistas 100% municipal, a apertura da sede da extensión universitaria da UNED, a rehabilitación dos chiringuitos da Freixa, a posta en funcionamento do primeiro coworking e primeiro centro de dixitalización no CEDEP e os proxectos xa redactados para a conversión da nave de Aceros del Tea no novo mercdo municipal, entre outros.
O goberno de Ponteareas amosou como exemplo de avance o contrato do SAF, “o maior investimento destinado a coidar das persoas dependentes cun orzamento de 5.984.640€”. O novo contrato supón o incremento de 34.800 horas pasando de 55.200 horas a 90.000 e un incremento do cadro de persoal do 200%, de 17 traballadoras a 50 profesionais a xornada completa, e dunha traballadora social a dúas. Estes incrementos permiten unha distribución horaria máis ampla, rematar coa lista de agarda de persoas dependentes de grao III e reducir a lista de espera das persoas de grao II e I. Con estas cifras estímase que se poderían incorporar ata 30 novas altas inmediatas ao tope máximo de horas (94h/mes). A este servizo súmase o SAF municipal que asiste a 31 veciños e veciñas.
“Un goberno cercano que atende a toda a cidadanía, que escoita e vai dando respostas ás necesidades” así foi este ano e nove meses segundo salientou a alcaldesa. “No primeiro ano tivemos que centrarnos en resolver situacións que estaban desatendidas, o pago de facturas que estaban pendentes, a reactivación de servizos desmantelados como a Atención Temperá, a resolución de conflitos entre traballadores municipais que vivían situacións de desigualdade salarial, a redactar ordenanzas que desbloqueran situacións atascadas, a desenvolver plans que activasen o PXOM e a rescatar peticións cidadáns de arranxos que estaban pendentes e sen contestar”.
O goberno convidou aos grupos da Corporación a facer un exercizo simple e preguntarse se antes deste goberno había terreos para o tan necesario centro de saúde, un obradoiro de emprego específico para a xuventude, un programa Mentoring Xuventude na Empresa, un Programa Integrado de Emprego que atende a 200 persoas, un programa de inclusión pioneiro con 10 profesionais atendendo a 200 persoas migrantes, a tramitación en liña de xestións administrativas co Concello ou un punto violeta virtual accesible 365 días ao ano 24 horas. En concreto o goberno informou que o novo centro de saúde contará con espazo suficiente para aloxar a base do 061, incrementar espazos para o PAC (urxencias), espazos para saúde mental proporcionais ás necesidades da poboación, aumento do número de consultorios total para médicos e enfermeiras residentes e para médicos interconsultores de especializades hospitalarias. Contará con salas para probas complementarias que eviten desprazamentos innecesariaos ao hospital (espirometrías, retinografías, cirurxía menor…). Mellora dos espazos para radioloxía, pediatría, matronas, formación e educación comunitaria, entre outros obxectivos como dispor dun área administrativa maior, única e accesible.
A Alcaldesa suliñou a importancia, ademais, de ter aprobados documentos estratéxicos como o Plan de Actuación Integrado e a infraestrutura verde que ademais de supor unha planificación organizada do crecemento de Ponteareas permite optar a novos fondos europeos. “Non perdemos o tempo en responder a críticas nin comentarios de tempos pasados, traballamos a diario para mellorar o presente e deseñar da man de expertos e profesionais o futuro de Ponteareas”, esta é, segundo o goberno, a clave para o avance.
Outro dos feitos que destacan é a capacidade de xestión e de establecer convenios e alianzas con outras administracións abríndose novos apoios a colectivos e cidadanía xeral como os fondos que recibiron as traídas de augas, as axudas para melloras das casas culturais ou a mellora de estradas públicas.
Os importantes investimentos en mellorar as aulas do CRA A Picaraña coa mellora da eficiencia enerxética en Pías e Areas, os continuos traballos de mantemento en todos os centros educativos públicos, a reposición da seguridade nos centros intervindo en muros, a reforma de salas para posibilitar comedores escolares ou bibliotecas e os servizos de conciliación como os campamentos e as aulas madruga tamén foron trasladados no pleno.
A creación dunha liña económica que promova o alugueiro de vivenda social no rural, a reforma de dúas vivendas para emerxencia social ou a creación do primeiro albergue Calor Café para persoas en tránsito son outras das iniciativas conseguidas polo goberno de Ponteareas.
O tenente de alcaldesa, Juan Carlos González, recordou a aprobación do documento estratéxico do Ciclo da Auga coa solicitude ao Ministerio de dous millóns de euros para garantir o subministro de auga e mellorar o abastecemento. A posta en funcionamento da nova depuradora, a reparación de beirarrúas, a mellora de viais municipais que conectan barrios e a programación cultural estable para todos os públicos así como os importantes esforzos en mellorar as infraestruturas deportivas foron outras das accións informadas neste pleno extraordinario.
“Non precisamos convencer a ninguén, tan só é suficiente levantar a vista e mirar ao redor, ver a alta participación nos eventos e propostas ou comprobar como avanzan as obras e ver como as persoas do rural poden participar en programas e actividades que promoven unha vida saudable e dan apoio para previr carencias de saúde é exemplo do traballo que facemos. Dende dar un mellor soporte ás pequenas necesidades diarias a deseñar e buscar apoios para grandes proxectos, é no que nos centramos a diario. Queda moito por facer, si, porque estaba case todo por facer”, concluíu o goberno.