HomeO MorrazoBueuO CPR Virxe Milagrosa leu a declaración polo Día Internacional das Mulleres

O CPR Virxe Milagrosa leu a declaración polo Día Internacional das Mulleres

- Anuncio -spot_img
  • Os nenos e nenas interpretaron a canción “Matriarcas” de Guadi Galego e os coidados
  • O 15 de marzo desenvolverase a ruta guiada “Mulleres da historia de Bueu” en colaboración coa Asociación A Illa dos Ratos

A Praza do Concello acolleu este venres ao mediodía unha concentración polo Día Internacional das Mulleres na que o alumnado de 3º de primaria do CPR Virxe Milagrosa preparou a declaración conmemorativa desta data. Laura Ogando, concelleira de igualdade, abriu o acto cunha intervención na que insistiu en que “dende o Concello de Bueu ofrecemos os centros para que os mozos e as mozos, os nenos e as nenas vivan nunha sociedade máis xusta e a igualdade movan Bueu”. A edil destacou que “as estatísticas reflicten unha realidade na que, a pesar dos avances na concienciación sobre a igualdade de xénero, seguen persistindo actitudes e percepcións que perpetúan desigualdade e violencia” e “para construír unha sociedade máis xusta e equitativa, é fundamental continuar promovendo a educación e a sensibilización entre a mocidade”.

A continuación, os nenos e nenas do Virxe Milagrosa reivindicaron os coidados e a continuación interpretaron a canción “Matriarcas” de Guadi Galego.

Programación 8 de marzo

Continuando coa programación desta data, xa o luns 10 desenvolverase o taller de autocoñecemento e autocoidado a cargo de Alejandra Pérez, psicóloga xeral sanitaria, que terá lugar ás 19.30 horas na planta baixa da Biblioteca Torrente Ballester e que organiza a Asociación de Mulleres Rurais Mar e Agro.

Como xa é habitual, o Cineclub Bueu proxectará o venres 14 un filme con perspectiva feminista. Nesta ocasión será Matronas, de Léa Fehner, e poderase ver ás 21 horas con entrada de balde no Centro Social do Mar. Nel cóntase a historia de Sofía e Louise, dúas parteiras recén licenciadas que se terán que  enfrontar aos desafíos do traballo diario dun hospital nun sistema de atención sanitaria deficiente e cheo de problemas.

Xa ao día seguinte desenvolverase a partir das 10.30 horas a ruta guiada “Mulleres da historia de Bueu” coa colaboración da Asociación A Illa dos Ratos. Nela poñerase en valor o importante papel das mulleres ao longo da historia da vila de Bueu en diferentes ámbitos como a pesca, a educación, a cultura, o deporte ou a política. Ademais coñeceranse algúns detalles da traxectoria de figuras importantes de diferentes épocas con nome propio como a mestra Matilde Bares, a filántropa Amalia Domínguez Búa, a recadeira “A Mundina”, ou as poetas contemporáneas Lucía Novas e Miriam Ferradáns. As súas achegas á sociedade mesturaranse con alusións a colectivos máis anónimos como as peixeiras, as mariscadoras ou as redeiras, protagonistas do matriarcado do mar. As persoas que desexen participar poderán inscribirse previamente de balde no whatsapp 611080853.

O 16 de marzo o Club de Atletismo Galaicas promove novamente a Milla pola Igualdade que se desenvolverá toda a mañá con actividades diversas como sesión de zumba, 8M fitness e unha carreira como colofón. O obxectivo é visibilizar que “a igualdade é a meta”.

Estas semanas nos centros educativos desenvólvese un ciclo de cine con perspectiva de xénero, no que fomenta o debate arredor desta temáticas e se continúa apostando pola coeducación. E nas dependencias do local de Benestar Social arranca mañá un curso de autoestima no que participarán vinte mulleres da vila.

III Xornadas Gastronómicas En Feminino Bueu

O Concello de Bueu e a Asociación de Empresas Hostaleiras de Bueu organizan do 8 ao 15 de marzo as “III Xornadas gastronómicas en feminino Bueu”, unha iniciativa que busca poñer en valor o papel das mulleres na cociña. Coa vista posta no 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, un total de doce locais da vila crearán as súas propias tapas inspiradas na cociña de Amelia González, fundadora xunto ao seu marido do restaurante Casa Solla.

A iniciativa busca visibilizar o papel das mulleres cociñeiras, que constitúen máis do 80% das cociñas de restauración, ademais de seguir dinamizando a gastronomía da vila, que é unha das máis potentes da comarca.

Os locais hostaleiros que participarán este ano son doce e ofrecerán tanto ao mediodía como á noite tapas a un custe de 3.50 €, nas que expresarán o seu coñecemento da cociña da homenaxeada.

Publicacións Relacionadas