HomePontevedraPontevedraO CRA de Vilaboa mantén aberta a admisión e alerta do risco...

O CRA de Vilaboa mantén aberta a admisión e alerta do risco se baixa a matrícula

- Anuncio -spot_img

A dirección e o Concello chaman ás familias a apostar polas escolas unitarias, que ofrecen atención personalizada e un modelo educativo vinculado ao medio

O Centro Rural Agrupado (CRA) de Vilaboa manterá aberto uns días máis o prazo de admisión para a etapa de Infantil (0-3 anos), ofrecendo ás familias unha nova oportunidade para coñecer e valorar a proposta educativa das escolas unitarias do municipio.

A dirección do centro explica que as escolas rurais tamén están a notar o impacto do descenso da natalidade, unha realidade que afecta a moitos concellos. Neste momento, algunhas das escolas do CRA presentan unha matrícula máis baixa do habitual, especialmente nos centros de  Figueirido e Pousada.

A directora do CRA, Conchita Pérez, lembra que as escolas unitarias ofrecen un modelo educativo moi valorado polas familias que buscan unha atención próxima e individualizada nos primeiros anos de escolarización. “Nas nosas aulas trabállase en grupos reducidos, o que permite acompañar mellor o desenvolvemento de cada neno e nena, respectando os seus ritmos e potenciando as súas capacidades”, explica.

As cinco escolas unitarias distribuídas polas diferentes parroquias de Vilaboa desenvolven un proxecto educativo ligado á contorna, no que a natureza, o xogo e a experiencia directa teñen un papel fundamental na aprendizaxe. Os proxectos parten dos recursos próximos a cada centro e favorecen unha educación activa, baseada na curiosidade, na exploración e na relación co medio.

O traballo do CRA de Vilaboa tamén foi recoñecido recentemente no III Congreso Nacional de Escolas do Medio Rural, celebrado en Teruel, onde o centro presentou o seu proxecto de transformación de espazos educativos. A proposta, centrada na BiblioCRA e no espazo CRAcreando, espertou un grande interese entre o profesorado participante.

O alcalde de Vilaboa, César Poza, anima ás familias a achegarse aos centros para coñecer de primeira man o seu funcionamento e a calidade do seu profesorado. Lembra que, aínda que este curso non existe risco inmediato, a perda continuada de matrícula podería derivar nunha futura redución de aulas no municipio. “Apostar polas escolas do propio concello é tamén unha forma de coidar das parroquias e garantir a continuidade dun modelo educativo de proximidade”, sinala.

Publicacións Relacionadas