O indice de positividade sitúase no 0,25% e a participación chegou a case o 70%
Soutomaior, 08 de febreiro de 2021
O SERGAS acaba de facer público o resultado do cribado masivo solicitado polo Concello de Soutomaior a pasada semana. Durante os catro días que durou o test realizáronse 1973 probas, das que só cinco resultaron positivas, o que supón unha incidencia de só o 0,25%.
Á proba estaban citadas un total de 2885 persoas de entre 40 e 79 anos de idade, das que finalmente acudiron 1973. Un 68,4% da convocatoria. O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, valorou moi positivamente a participación no cribado e quixo agradecer a todos os veciños “o seu compromiso pola saúde de todos. A pesar dos problemas do primeiro día, a participación é realmente boa e demostra a solidariedade dos nosos veciños”, finalizou Reguera.
Neste sentido, o edil indicou que “tendo 150 casos activos, contando que cada afectado ten dous ou tres contactos directos, supón ter hai varios centenares de persoas que están en corentena e que non podían acudir á proba”, explicou Reguera.
Do mesmo xeito, o rexedor valorou a taxa de positividade do cribado como “moi esperanzadora porque indica que a gran maioría dos casos existentes están detectados e iso facilita que o número de infeccións activas poida ir descendendo”.
Test gratuítos nas farmacias de Soutomaior
Por último, o alcalde quixo lembrar a todos os veciños que xa están dispoñibles en todas as farmacias do municipio os test gratuítos para todos os veciños entre 40 e 64 anos que cumpran os requisitos. Para acceder a eles é necesario ter a tarxeta sanitaria do Sergas, dispoñer dun teléfono móbil para recibir a mensaxe co resultado da proba, non ter un resultado positivo en coronavirus no últimos tres meses, non ser un paciente paliativo ou inmobilizado, non traballar ou residir nunha residencia para persoas maiores ou con discapacidade, non ser contacto de seguimento de COVID-19 e non facer unha proba PCR nos último 15 días.