– Nos últimos días rexistráronse varios casos de roturas en lámpadas de farois causadas por disparos de escopetas de aire comprimido na avenida de José Fernández López, en Chapela. Outra das cuestións que preocupa ao departamento de Infraestruturas e Sostibilidade é o roubo de material para a sinalización de obras e elementos de protección.
– O concelleiro Roberto Villar advirte do perigo que supón para vehículos e peóns actos irresponsables “como a retirada de balizados, varandas, peches de tráfico ou sinalizacións por obras”. Villar lembra que o persoal municipal instala estes elementos como medida de prevención para evitar accidentes á cidadanía e “retiralos é unha irresponsabilidade”.
O departamento de Infraestruturas e Sostibilidade denuncia os actos vandálicos reiterados contra as luminarias da vía pública. Nos últimos días rexistráronse varios casos de roturas en lámpadas de farois causadas por disparos de escopetas de aire comprimido na avenida de José Fernández López, en Chapela. Anteriormente déronse casos similares en Reboreda e Cedeira. O concelleiro Roberto Villar lamenta o prexuízo que estes actos irresponsables están a causar ás arcas públicas, “xa que a substitución de cada unha destas lámpadas supón un gasto duns 300 euros”. Villar advirte tamén do grave problema que supón para os residentes das zonas afectadas, que quedan sen iluminación pública ata que os farois poden ser substituídos.
Outra das cuestións que preocupa ao departamento de Infraestruturas e Sostibilidade é o roubo de material para a sinalización de obras e elementos de protección. Nos últimos meses son frecuentes os furtos de varandas e conos de sinalización, así como a eliminación de cintas protectoras. Villar explica que nalgunhas ocasións estes elementos son subtraídos, e noutras son retirados do lugar e desprazados a outro sitio. O concelleiro advirte do perigo que pode supoñer para vehículos e peóns estes “actos irresponsables”, xa que “os balizados, peches de tráfico ou sinalizacións por obras realízanse como prevención para evitar riscos á cidadanía”.
O departamento denuncia tamén actos incívicos, como a eliminación de liñas amarelas na vía que sinalizan a prohibición de estacionamento de vehículos e que son “repintadas” de negro. Recentemente ocasionáronse problemas de seguridade pola retirada de placas de metal e poliéster que se utilizan para tapar roturas no pavimento. Estas pranchas instálanse nas rúas ou beirarrúas para salvar o desnivel mentres non se reparan os danos no pavimento. “Retirar estas placas é unha irresponsabilidade porque os buracos quedan ao descuberto e pode provocarse un grave accidente”. Roberto Villar fai un chamamento “á responsabilidade e á colaboración cidadá para que estes actos incívicos non se repitan”.