- ESTA COMPETICIÓN DO PROGRAMA XOGADE, ORGANIZADA POLO SERVIZO DE DEPORTES DA XUNTA DE GALICIA EN PONTEVEDRA, É CLASIFICATORIA PARA O CAMPIONATO PROVINCIAL DESTA MODALIDADE DEPORTIVA
- NA PROBA, CELEBRADA NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA, PARTICIPARON ESTUDANTES DE PRIMARIA E SECUNDARIA NAS CATEGORÍAS DE BENXAMÍN, ALEVÍN, INFANTIL E CADETE
A fase zonal de cros Terra do Deza do programa Xogade, organizada polo servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, volveu un ano máis ao recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Este evento deportivo, co que se pretende fomentar a actividade física e a relación entre os rapaces da zona, contou esta mañá coa participación de 1.200 alumnos e alumnas de primaria e secundaria de once centros educativos da comarca.
Estes foron o CPR María Inmaculada e o CEIP de Silleda; o CPI de Rodeiro; o CEIP Nosa Señora da Piedade e o CEIP Cerdeiriñas, de Vila de Cruces; e tamén o CEIP Vicente Arias de la Maza, o IES Laxeiro, o CEIP Varela Buxán, o CEIP Manuel Rivero, o CEIP Xoaquín Loriga e o IES Ramón María Aller Ulloa, de Lalín.
Esta competición, que é clasificatoria para o Campionato Provincial, incluíu categoría benxamín (2º e 3º de primaria), no cal correron 450 metros; alevín (4º e 5º de primaria), con distancias de 900 metros; infantil (6º de primaria e primeiro de ESO), correndo 1.350 metros; e cadete (2º e 3º de ESO), cunha distancia de 1.800 metros.
Por outra banda, os rapaces e rapazas tamén participaron, por centros, nunha divertida competición que incluía, entre outras, probas nas que tiñan que demostrar as súas habilidades bailando e cantando.

