HomePontevedraBaixo MiñoO Desfile-Concurso de Entroido contará coa participación de preto de mil persoas...

O Desfile-Concurso de Entroido contará coa participación de preto de mil persoas de 12 comparsas

- Anuncio -spot_img

Celebrarase o próximo martes 17 ás 17 h cun novo percorrido

A forza, o corido, a animación, e a ironía do Entroido tomarán as rúas de Tui o próximo martes, 17 de febreiro, Martes de Entroido,  festivo local en Tui.

Será coa celebración do XXXVII Desfile Concurso no que participarán 935 persoas pertencentes a 12 comparsas que levaran en conxunto 18 de carrozas, facendo gala no seu percorrido polas rúas tudenses do espírito do Entroido.

As propostas que presentan achegarán guerreiras amazonas, científicos con experimentos fallidos, guerreiros do Norte, personaxes malvados… A comida será protagonista e tamén os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. As creacións das comparsas farán unha sátira da moda e as pasarelas, reflectirán o mundo do circo, un conclave para elixir papa, un Londres máxico, o bosque máis antigo de Galicia, ou conxunto histórico de Tui.

Este luns mediante sorteo asignouse  a orde de saída. Así abrirá o desfile a Asociación Cultural Pontellas do Porriño, coa comparsa “A danza das Amazonas”. En segundo lugar desfilará a Asociación Centro Cultural Recreativo Parada do Miñor de Nigrán, con “O virus do Entroido”. Dende Salceda de Caselas chegarán a Asociación Cultural e Deportiva Amigos do Carnaval con “Amigos do Carnaval” e a Asociación Cultural e Deportiva San Xurxo coa comparsa “Carnaval San Xurxo”.

En quinto lugar participará no desfile concurso a Asociación Os Festeiros de Bembrive, de Vigo, con “Entre Fíos van os Festeiros”, seguida da Asociación Cultural Comparsa Os Feiticeiros de Mos, con “O Circo dos Feiticieiros”, e da Asociación de Vecinos Nosa Terra de San Miguel de Pereiras de Mos, con “Pa Mala Yo”.  

O desfile-concurso continuará coa Asociación Entroido de Pexegueiro de Tui, con “Llegó Papá” e coa Asociación Comparsa Os Imprescindibles de Vigo, coa comparsas “Os Imprescindibles”.

Dende Gondomar chegará  a Asociación O Millor de Cada Casa de Vincios con “O segredo do Frondal”. Pecharán o desfile as dúas comparsas que levan acompañamento musical interpretado en directo que son a Asociación Carnavales de Mañufe,  de Gondomar, con “2030 do porvir” e a Asociación Banda de Música Popular de Tui  con “Cantos Fumos – Tui Capital Histórico do Turismo Político”.

O desfile-concurso, contará este ano cun novo percorrido polas rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy e o primeiro tramo da rúa Compostela. Comezará ás 17.00 h. A concentración das comparsas terá lugar no recinto feiral e rematará o desfile-concurso no aparcamento na traseira do edificio Francisco Sánchez, onde actuará o grupo La Bamba mentres o xurado delibera.

Na categoría xeral hai establecidos catro premios de 800€, 650€, 500€ e 350€. Tamén en carrozas haberá catro premios de 650€, 500€, 350€ e 200€.  En parodia entregaranse dous premios de 500€ e 350€, e en coreografía e música establécese un único premio en cada modalidade de 350€. Amais destes premios establécense importes fixos de participación que serán de 750€ para as comparsas que estean acompañadas de carrozas, e de 300€ para aquelas que non leven carroza.

Debido á celebración do Desfile-concurso de Entroido estarán pechadas ao tráfico e non se poderá estacionar nas rúas Mártires de Sobredo, Casal Aboy e Compostela o martes 17 de 14 a 21 h. Non se poderá estacionar no aparcamento municipal dende ás 8 h do martes 17 até ás 00.02 do mércores 18; e no espazo feira de 8 a 20 h. O Camiño Ricamonde estará pechado ao tráfico e ao estacionamento de 14 a 20 h.

En caso de choiva o Desfile-Concurso adiarase para o sábado 21 no mesmo horario.

Tui prepárase para vivir o Entroido agardando a miles de persoas nas rúas para presenciar o Desfile-Concurso. A despedida deste festexo será o domingo 22 co Enterro do Bacallau.

Publicacións Relacionadas