Haberá premios en metálicos por categorías e ao rematar o desfile o público asistente poderá degustar chocolate con churros mentras agardan polo fallo do xurado e bailarán a ritmo de 3.COM e un DJ.
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello da Lama mantén aberto o proceso de inscrición no desfile e concurso de disfraces que terá lugar o sábado 8 de marzo, a partir das 17 horas, e que percorrerá as principais rúas do centro da vila no que participarán máis dunha vintena de comparsas e grupos sobrepasando xa a cifra das 1.000 persoas que anuncian a súa participación disfrazadas.
Durante a presentación do entroido na Lama, o alcalde da Lama, David Carrera, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Plácido Pillado Alfaya, reivindicaron novamente a figura do Conde Cabanelas, emigrante galego natural de Covelo, que impulsou e popularizou e a saída á rúa do famoso Carnaval de Río de Janeiro. De feito, o Concello faralle entrega a cada unha das comparsas participantes unha estatuíña do célebre benefactor e filántropo lamense.
Entre os inscritos para o desfile deste ano están neste momento as comparsas 100Tolos, Os Canecos, Os da Caña, As Flores do Carnaval, Os Paparrulos, As Sonecas, Os Miudos, Os Solfamidas, Os Retrincos. Estas agrupacións ofrecerán música en directo ao seu paso e darán esplendor, bo humor e colorido a unha cabalgata que tamén contará con carrozas, grupos e disfraces de parellas e individuais, de varios municipios da provincia entre os que destacan ademais da Lama, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Soutomaior, Pontevedra e Bueu.
Para facilitar a participación de grupos locais, a organización decidiu dar premios aos grupos locais, formados por integrantes da comarca do Verdugo-Oitavén (A Lama, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade e Fornelos de Montes) e visitantes, os procedentes do resto da provincia.
Os premios do desfile en categoría de Grupos aos que se poderán optar son os seguintes:
a) Grupos:
1º Local…………200 euros. 1º Visitante……..…..200 euros.
2º Local……….150 euros. 2º Visitante………….150 euros.
3º Local………..100 euros. 3º Visitante……….….100 euros.
b) Individuais/Parellas
1º Premio único…………………………………..75 euros.
2º Premio único…………………………………..50 euros.
3º Premio único…………………………………..30 euros.
c) Agrupación Infantil
Único premio…………………………………….50 euros.
Así mesmo, a organización poderá deixar deserto calquera dos premios previstos en función de que se considere que ningún dos participantes reúne méritos suficientes para poder levarllo.
O xurado será independente da organización e do Concello da Lama e estará formado por persoas pertencentes ao tecido asociativo deste municipio. O fallo do xurado será inapelable e será emitido ao final do percorrido do desfile, durante o baile de disfraces que estará amenizado polo coñecido conxunto musical 3.COM e o Dj Aitor Alfonsín.
A organización terá potestade para eliminar do concurso a calquera participante que vulnere o espírito do entroido ou que atente contra calquera dos dereitos humanos universalmente recoñecidos, tamén estará prohibido desfilar con animais de todo tipo e utilizar material pirotécnico, bengalas, petardos, etc. así como todos aqueles elementos que poidan ser considerados perigosos para o desenrolo desta actividade tanto para participantes como para espectadores.