HomePontevedraO SalnésO deterioro definitivo do Parque Canido de Adina reflicte á perfección a...

O deterioro definitivo do Parque Canido de Adina reflicte á perfección a política de deixadez de Telmo Martín e do Partido Popular

- Anuncio -spot_img

A falta de mantemento desta instalación, moi demandada pola veciñanza e impulsada polo Goberno tripartito, impide a súa utilización

Os nacionalistas sinalan que o acontecido con este espazo “é un reflexo do ‘modus operandi’ do alcalde, que só inaugura proxectos para saír na foto e despois déixaos caer no esquecemento”

A deixadez de funcións do Goberno municipal de Telmo Martín, especialmente no que atañe a todo o que non teña que ver con bandeiras azuis e á praia de Silgar, volve quedar demostrada coa situación na que se atopa o parque canino de Adina. Esta instalación, situada nas inmediacións da Casa de Cultura e estreada hai pouco máis de cinco anos, atópase nun estado tan lamentable e deteriorado que impide o seu uso, a pesar de que son moitos os veciños e veciñas que veñen reclamando a mellora desta área, na que as mascotas poden xogar e correr con libertade.

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) alertaba en agosto de 2024 da precariade do parque, con elementos de xogo en moi mal estado e o peche perimetral danado. A pesar de tratarse dunha actuación sinxela, o Goberno municipal do Partido Popular non foi quen de arranxar e acondicionar este espazo, que a día de hoxe está totalmente inutilizable. Tal e como denuncian os nacionalistas, a meirande parte do valado está roto, o que fai inasumible poder soltar aos cans para que xoguen, sen que exista un claro risco de que fuxan cara a estrada situada a carón desta área, poñendo nunha situación de claro perigo non só aos propios animais, senón tamén ás persoas que circulen cos seus vehículos pola zona. Ademais, tampouco se arranxaron os elementos de xogo rotos, nin tan sequera se retiraron os seus restos.

O anterior Goberno tripartido proxectou a creación dun parque canino para dar resposta a unha demanda da veciñanza. Inicialmente, estaba prevista a súa instalación en Baltar, nunca zona moito máis céntrica e visible. Coa chegada de Telmo Martín á Alcaldía, “o Partido Popular veuse na obriga de acometer o proxecto para non perder a correspondente subvención da Deputación de Pontevedra, pero nunca tivo un interese real na actuación, e optou por desprazala ata Adina”, critica o voceiro do Bloque, Fran Leiro. Proba disto é que “en todos estes anos non se fixo ningún traballo de acondicionamento no espazo, o que provocou o seu deterioro e que cada vez fose menos utilizado”. A todo isto hai que sumar que nin o alcalde nin o equipo de Goberno do PP foron quen de promocionar e dar visibilidade ao parque canino. “A zona na que se atopa non é céntrica, polo que moitos visitantes que veñen a Sanxenxo a gozar do seu tempo de lecer coas súas mascotas descoñecen sequera a existencia destas instalacións”, advirte o BNG.

Este é un feito especialmente grave “cando estamos a falar dun municipio que é referente turístico. É curioso como a Telmo Martín lle gusta presumir de bandeiras azuis e da praia de Silgar, aínda que iso supoxa deixar de lado ao resto do municipio e non poñer en valor outros recurso que tamén poden supoñer un atractivo para o turismo”.

Neste sentido, desde o Bloque inciden en que “é moi triste que Sanxenxo a día de hoxe non dispoña de ningún espazo, ben sexa un parque ou unha praia, na que se poidan soltar ás mascotas, a diferencia do que ocorre noutros concellos da contorna, como O Grove ou Vilagarcía de Arousa”.

O abandono do parque canino é outra proba máis, sosteñen os nacionalistas, do ‘modus operandi’ de Telmo Martín, que consiste en inaugurar proxectos “para saír na foto e despois esquecerse deles”.

Publicacións Relacionadas