HomePontevedraBaixo MiñoO Ensemble Vocal e Instrumental Pro Música de Porto interpreta o “Magnificat”...

O Ensemble Vocal e Instrumental Pro Música de Porto interpreta o “Magnificat” de Rutter na Catedral

- Anuncio -spot_img

Será este domingo ás 18 h no templo catedralicio dentro dos actos conmemorativos do 800 anos da súa consagración

Proseguen as celebracións do 800 aniversario da consagración da Catedral de Tui. Este domingo, 21 de decembro, ás 18 h o Coro de Porto – Portugal, Ensemble Vocal Pro Música ofrecerá un concerto na Catedral, organizado polo Cabido catedralicio.

Consagrada no ano 1225, a Catedral de Tui é unha das grandes xoias do románico galego e un dos templos fortificados máis relevantes da Península Ibérica. Neste escenario de profundo valor histórico e simbólico será interpretado o Magnificat de John Rutter, obra central do concerto.

Composto por un dos autores corais contemporáneos máis interpretados a nivel internacional, o Magnificat de Rutter é unha peza luminosa e expresiva de grande calidade. Rutte (Londres 1945) medrou na rica tradición coral británica, que é unha das bases do seu estilo que sabe combinala con influencias que van dende a música francesa de inicios do século XX ata o jazz e os musicais estadounidenses, creando un estilo que destaca pola súa expresividade. Esta peza destaca pola súa capacidade de combinar a tradición cunha modernidade plena de vitalidade, logrando unha obra emocionante e accesible para públicos de todas as sensibilidades.

O programa previsto abrirase con Jubilate Deo, composto por G. Gabrielli. A continuación interpretarán Ave María, de F. Bibl, e o Magnificat, de John Rutter. O concerto continuará con Ave María de F. Engelhart e Ave Virgo Sanctissima. Para pechar este evento musical, interpretarán Christmas Lullaby.

O Ensemble Vocal Pro Musica é un coro novo e amateur, con sede na cidade do Porto. Foi fundado en 1991 polo mestre José Manuel Pinheiro e por algúns dos seus alumnos, xurdindo inicialmente como un proxecto de interligazón entre a escola e a comunidade.

Na actualidade está formado por arredor de 100 integrantes, a maioría con formación musical, e ensaia no Conservatorio de Música do Porto.

O seu traballo abrangue tanto a interpretación de grandes obras corais sinfónicas como o repertorio de música sacra e profana, a capela ou con acompañamento instrumental. O EVPM non se define unicamente como un coro de música erudita, presentando tamén arranxos propios para coro de clásicos do jazz e da música popular. Procura dinamizar a actividade coral, afastándose da rutina e do formalismo, recorrendo sempre que é posible á expresión dramática, á participación activa do público, ao uso de instrumentos pouco habituais, a disposicións escénicas non convencionais e mesmo á sorpresa como elemento artístico.

En colaboración con diversas orquestras nacionais —Orquestra do Norte, Orquestra de Guimarães, Orquestra do Conservatorio de Música do Porto, Orquestra do Atlántico, Orquestra da Ópera na Academia e na Cidade— interpretou obras como o Requiem de W. A. Mozart, o Requiem de G. Fauré, o Stabat Mater de A. Dvořák, o Requiem de G. Verdi, o Magnificat en Re maior BWV 243 de J. S. Bach, Ein Deutsches Requiem, op. 45 de J. Brahms, The Armed Man: A Mass for Peace de Karl Jenkins, o Oratorio de Nadal de C. Saint-Saëns, o Stabat Mater de G. Rossini, o Messiah de G. F. Handel, a Misa en Do maior, op. 86 de L. v. Beethoven, a Messa di Gloria de G. Puccini, a Oratoria de Nadal de J. S. Bach, Jubilate Deo de Dan Forrest (estrea nacional), Requiem for the Living de Dan Forrest, o Requiem de John Rutter, a Paixón segundo San Xoán de J. S. Bach, así como a 2ª Sinfonía en si bemol maior, op. 52 “Lobgesang” de F. Mendelssohn, entre outras.

En 2014, presentou Carmina Burana de C. Orff no Palau de la Música Catalana, en Barcelona, xunto ao Cor Jove de l’Orfeó Català. En xullo de 2015, interpretou na Catedral de Palma de Mallorca o Stabat Mater de G. Rossini, en colaboración coa Capella Mallorquina e a Orquestra Sinfónica das Illas Baleares.

O coro participou en concursos e festivais internacionais en Italia, Francia, Grecia e República Checa, obtendo diversos galardóns, entre os que destacan: Diploma de Prata na categoría de Jazz e Música Latina no 5º Concurso Internacional de Coros de Riva del Garda (Italia, 2003); Medalla de Bronce na categoría de Coros Mixtos nas Olimpíadas Corais – 8º Concurso Internacional de Coros de Atenas (Grecia, 2004); Diploma de Ouro (1º premio) na categoría de Música Sacra e Gran Premio de Venecia no 5º Concurso e Festival Internacional de Coros de Venecia (2007); Diploma de Ouro na categoría de Música Sacra e Premio Especial do Xurado á mellor interpretación no 32º Praga Cantat (República Checa, 2018).

Publicacións Relacionadas