HomePontevedraPoioO Enterro do Galo Bruxo de Samieira porá o punto e final...

O Enterro do Galo Bruxo de Samieira porá o punto e final este sábado á ampla programación de Entroido de Poio

- Anuncio -spot_img

• A comitiva partirá ás 18.00 horas do lugar de Arén ata chegar ao campo de fútbol Río de Bois, onde se procederá á queima do galo e haberá unha degustación de produtos típicos destas festas

• A cita está organizada pola Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Samieira, en colaboración co Concello de Poio, a través da Concellería de Cultura

O Entroido de Poio, logo do seu inicio hai máis dun mes, chegará ao seu final esta fin de semana. Será o sábado 18 cando a programación conclúa coa despedida do Galo Bruxo de Samieira, no que será o derradeiro dos enterros que ao longo das últimas semanas se foron celebrando en diferentes lugares do municipio. Esta cita está organizada pola Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Samieira, en colaboración co Concello de Poio, a través da Concellería de Cultura.

A saída do cortexo fúnebre está fixada para as 18.00 horas no lugar de Arén. Desde alí, o Galo Bruxo e todas as persoas doentes que queiran acompañalo desprazaranse ata o campo de fútbol de Río de Bois. Unha vez alí, procederase á queima do galo. Ademais, tamén haberá degustación de produtos gastronómicos típicos de Entroido, nunha velada que estará amenizada polo Grupo Azabache. A cita contará cun gran colorido e animación, toda vez que está confirmada a presencia de diferentes comparsas e grupos locais, como é o caso do Grupo de Entroido de Samieira, Os Canecos, Os 100tolos, As Sonecas e a Batucada Os Queimatasas. Tamén estarán presentes os e as integrantes do colectivo Os da Caña de Marín.

A concelleira de Cultura, a nacionalista Raquel Rodríguez, anima á veciñanza a gozar con esta actividade para que “poidamos despedir por todo o algo a nosa programación de Entroido”. Un programa que, logo de dous anos de ausencia por mor da situación sanitaria derivada da COVID-19, retornou “con máis forza que nunca”. A edil do Goberno municipal salienta a elevada participación que houbo en todas as actividades que formaron parte do programa, incluído o Desfile do pasado 19 de febreiro, e quixo agradecer ao tecido colectivo e cultural do municipio “a súa implicación, esforzo e traballo á hora de retomar a organización de eventos de Entroido que todas e todos botamos de menos nestes anos de pandemia”.

Publicacións Relacionadas