Concello e Asociación Cultural convidan a desfrutar dun programa que ten o 22 de febreiro o súa primeira xornada intensa co seu percorrido polas parroquias
O Entroido de Cobres encara 2025 co obxectivo de finalizar a tramitación da súa catalogación como Fiesta de Interés Turístico Nacional, conventíndose no único entroido da provincia de Pontevedra con esta distinción. Así o explicou o alcalde, César Poza, na presentación do cartel que tivo lugar en Riomaior coa asistiencia da concelleira de Dinamización Económica, Carmen Gallego, e directivos da asociación cultural de Cobres. Madamas e Galáns acudiron tamén á posta en escena do inicio dun mes cargado de actividades programadas para darlle o “valor patrimonial e cultural que merece unha festa cos seus orixes no século XVII”, apuntou César Poza; “Queremos situar ao Entroido de Cobres no lugar que lle corresponde”.
O cartel do Entroido, coas cores que definen a imaxe de marca desta festa, recolle os dous códigos QR que facilitarán o seguimento das actividades en tempo real. Un deles permite o acceso directo á web municipal entroidodecobres.com o outro que permite a calquera que queira vivir esta festa saber en tempo real onde estarán danzando as damas e galáns.
Martín Duarte, presidente da Asociación Cultural Cobres, animou a toda a contorna a participar no percorrido que Madamas e Galáns farán o día 22 de febreiro, achegando as súas danzas nunha xornada intensiva a Figueirido, Bértola e Pontemirón pola mañán e ás Salinas e a Carretera Vella pola tarde. “Todo o que queira un pedaciño de nós por adiantado pode telo ese día”. Setenta persoas bailando xunto a 25 músicos ofrecerán á veciñanza o resultado dun ano de intensos ensaios e posta a punto dos traxes para manter viva unha tradición ancestral.
Como principal novidade na programación deste ano Martín Duarte destaca a incorporación dunha terceira actuación de Madamas e Galáns na carpa de Riomaior na tarde do martes 4 de marzo, xornada forte do Entroido. “Queremos evitar que ninguén se vaia sen vernos actuar”, indica. Esta xornada grande dos festexos comezará pola mañán cun percorrido polos barrios e sesión vermú na carpa e pola tarde a Corrida do Galo e os xogos no río, nunha festa presentada polo televisivo Isi e na que repite como predicadora @letidataberna, creadora de contido en galego cun importante número de seguidores nas súas redes.
“Pero quen queira vivir o Entroido ten que participar no percorrido que facemos do 1 ao 4 de marzo por todos os barrios”, apuntou Martín Duarte. Danzantes con idades comprendidas entre os 5 e os 35 anos, entre os que este ano hai novas incorporacións, adican o día enteiro a percorrer a pé os distintos lugares de Vilaboa. “Eso haino que ver, a cara coa que nos recibe a xente; como nos abren as portas das súas casas”, insiste Duarte. César Poza convida tamén a participar directamente nesta parte máis interna do Entroido. “Calquera de fóra sentirase parte desta Festa a través dos propios recordos que as danzas despertan entre as persoas residentes en cada zona”, conclúe.