A banda de gaitas Aires de Cobres, pertencente á Asociación, leva meses de ensaio para estrear nesta edición esta tradicional peza musical
A comitiva do Entroido de Cobres fixo vibrar as rúas de barrios e lugares de Vilaboa coa súa marcha festiva nunha xornada soleada na que despertaron sorrisos e arrancaron aplausos coas coloridas danzas, mantendo a tradición de achegar a festa a aquelas persoas máis maiores e con dificultades para achegarse á carpa instalada en Riomaior, á que chegarán todos os días en torno ás 19 horas. Trala súa actuación sobre o palco, dará comezo a festa nocturna que mañán domingo correrá a cargo del Trío La Noche. Para quenes queiran desfrutar desta parte da danza máis local, o código QR habilitado na web entroidodecobres.com permite a súa localización en tempo real.
O Entroido de Cobres enriquece nesta edición o seu repertorio coa incorporación dunha xota, a de San Adrián. Unha canción popular recuperada a partir das imaxes nun antigo vídeo familiar dunha das mulleres que forman parte do grupo das Veteranas. O músico pontevedrés e profesor Marcelo Dobode encargouse de recompoñer a coreografía e iniciar os ensaios coa banda de gaitas Aires de Cobres, que forma parte da Asociación Cultural organizadora da festa. Sobre eles recae o peso musical do Entroido de Cobres.
Son catro as prezas fundamentais do Entroido de Cobres. A danza de Cobres, a xota na eira, o “agarradiño” (que se baila en parella) e a muñeira movida, que vai incrementando o ritmo e arrancando o aplauso do público á comitiva festeira. A Asociación Cultura logrou nos últimos anos recuperar algunha peza máis á que agora se suma a xota de San Adrián, coa que o Entroido confía en sorprender ao seu público.
Tanto pola súa vistosidade e colorido como polo compoñente de recuperación de melodías tradicionais, o Entroido de Cobres merece ser vivido nunha xornada completa. “Para entender e sentir esta festa hai que meterse dentro dela e ver como madamas e galáns, algúns moi xóvenes, sinten o orgullo de portar unha tradición tan lonxeva. Camiñar unha media de 15 kilómetros, danzar durante máis de 8 horas é para toda a familia do Entroido de Cobres un xeito de corresponder cos nosos antepasados, quenes con menos medios lograron que hoxe teñamos unha festa con varios séculos de historia. E para nós é unha satisfacción enorme comprobar que temos unha xuventude sana e con valores”, apunta César Poza, alcalde de Vilaboa.
O Concello de Vilaboa convida á cidadanía de toda a contorna a achegarse a gozar do Entroido de Cobres e descubrir a gastronomía típica destas datas da man da hostalaría local.
Haberá postos de polbo e bebida na propia carpa na xornada do martes para quenes opten pola degustación deste productos típicos da cociña galega sen perderse o ambiente do entroido, mais o Concello pon en valor o bo facer dos numerosos restaurantes, taperías, bares e cafeterías do municipio que estes días inclúen nas súas cartas o típico cocido de entroido ou lacón con grelos e mesmo pratos tan típicos desta época do ano en Cobres como o Bolo do pote ou o bandullo, así como filloas e orellas.
A páxina web do Concello de Vilaboa (vilaboa.gal) e do Entroido (entroidodecobres.com) recolle unha listaxe de establecementos co seu contacto para facer reserva previa de mesa nestes próximos días, xa que son varios os municipios galegos que programaron excursións a Vilaboa coincidindo con estes días de entroido.
A concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, destaca tamén a variada oferta de aloxamento que ofrece Vilaboa para programar unha escapada coincidindo co entroido e descubrir paraxes naturais como o entorno das Salinas ou a Ruta dos Muíños de Riomaior.