HomePontevedraPontevedraO Entroido de Cobres sorprende co novo baile "Riomaior" na presentación por...

O Entroido de Cobres sorprende co novo baile “Riomaior” na presentación por barrios

- Anuncio -spot_img

A chuvia presenta o seus respectos ao entroido tradicional máis importante da provincia e permite desfrutar desta tradición fondamente arraigada

A chuvia, coma se tamén quixese render homenaxe ao Entroido de Cobres, respectou a presentación celebrada esta mañán en Santa Marta (Bértola), Figueirido e Postemirón (Vilaboa) e que continuará pola tarde en Paredes e As Salinas. O día abriuse como un agasallo visual para que a veciñanza recibira á comitiva entre sorrisos e esa emoción que só esperta unha tradición tan fondamente arraigada.

No percorrido desvelouse a gran novidade desta edición: o baile “Riomaior”, unha peza que nace para honrar o lugar que cada ano acolle a carpa do Entroido e que simboliza, con elegancia e movemento, a forza colectiva desta celebración centenaria. O público, entregado desde o primeiro compás, desfrutou dunha coreografía sorprendente pola súa frescura e pola súa capacidade para dialogar coa tradición sen perder autenticidade.

A posta en escena das madamas e dos galáns —auténticos emblemas dun Entroido singular pola ausencia total de máscaras, pola vistosidade dos seus sombreiros e polo colorido exuberante das vestimentasconverteu cada parada nun pequeno espectáculo. Acompañados polo grupo de gaitas Aires de Cobres, que encheu o aire de melodías recoñecibles e vibrantes, o conxunto transformouse nun cadro vivo capaz de emocionar a quen tivo a fortuna de presenciar o momento.

Con este bagaxe ás costas, o regreso ás parroquias de Vilaboa converteuse nun acto de celebración e recoñecemento. Este domingo, a comitiva iniciou o seu percorrido ás 11:00 horas na Capela de Santa Marta de Bértola, continuou ás 12:00 horas en Figueirido e ás 13:00 horas no Campo da festa de Postemirón.  Cada parada converteuse nun encontro directo coa xente, un xeito de compartir ilusión, de anunciar que o Entroido xa estaba ás portas e de lembrar que esta tradición segue viva grazas ao compromiso das familias, da agrupación cultural Cobres e de todas as persoas que, ano tras ano, manteñen acesa unha das xoias do patrimonio inmaterial galego.

O Entroido de Cobres demostrou, unha vez máis, que non é só un espectáculo visual, senón unha expresión artística e comunitaria que fala de identidade, de memoria e de futuro. E Vilaboa, que xa coñece ben ese latexo, sentiu este domingo a emoción profunda que converte o seu Entroido nun dos máis admirados dentro e fóra de Galicia.

Publicacións Relacionadas