Madamas e Galáns protagonizarán unha edición que reforzará o seu carácter único en Galicia
A Asociación Cultural Cobres ultimou o programa oficial do Entroido de Cobres 2026, unha das tradicións máis singulares do país e un referente cultural. A celebración, marcada pola elegancia das Madamas e Galáns e por un fondo arraigamento comunitario, desenvolverase entre o 14 e o 17 de febreiro, combinando percorridos tradicionais, música, gastronomía e os rituais máis característicos desta festa centenaria.
A programación abrirase o sábado 14, cando o entroido percorrerá os barrios desde as 10:00 ata as 19:00 horas, momento no que está prevista a chegada á carpa. Pola noite, ás 22:00 horas, terá lugar a Gran Festa de Apertura, que contará coas actuacións da Orquestra Kubo e do Trío Tic Tac, marcando o inicio oficial dunha fin de semana de intensa actividade festiva.
O domingo 15 manterá o esquema tradicional, cun novo percorrido polas parroquias entre as 10:00 e as 19:00 horas e a posterior chegada á carpa. A xornada culminará ás 22:00 horas cunha festa amenizada por Son das Tabernas, que ofrecerá un repertorio pensado para o baile e a participación do público.
O luns 16, coñecido como o Luns de Maghachos, volverá encher as rúas co percorrido matinal e vespertino, que se prolongará ata as 19:00 horas. A partir das 21:30 horas, a carpa converterase no epicentro da celebración cunha noite de música e humor protagonizada pola Orquestra Magos e o Trío La Noche, nunha das citas máis multitudinarias e esperadas do Entroido.
O martes 17, día grande da festa, comezará cun percorrido reducido ata as 13:00 horas, seguido dunha sesión vermú amenizada polo Dúo Los Dinámicos, acompañada de comida popular con polbo, churrasco e outras propostas tradicionais. Pola tarde, a partir das 16:30 horas, desenvolveranse os rituais máis emblemáticos do Entroido de Cobres, coa participación de Isi da TVG e Marci Varela e coa celebración do Galo no Río, Galo na Vara, Corrida, Predicador e Queima do Galo. A Fanfarria Furruxa acompañará a festa trala Queima, e o DJ Gabryd será o encargado de poñer o broche final a unha edición que promete ser inesquecible.
A organización anima a veciñanza e visitantes a seguir o percorrido e todas as novidades a través das redes sociais oficiais e da web entroidodecobres.com, reforzando así a difusión dunha festa que cada ano atrae a centos de persoas e que continúa a ser un símbolo de identidade, orgullo e tradición para Vilaboa.



