As concelleiras Marián Sanmartín, Beatriz Rodríguez e Itziar Álvarez reuníronse este venres con representantes das principais asociacións que fan posible o Entroido na vila para artellar actividades alternativas aos festexos que habitualmente caracterizaban a estas datas e que non poderán ter lugar este ano.
O 2021 segue estando marcado pola difícil crise sanitaria que estamos a atravesar, polo
que teremos que seguir facendo esforzos e sacrificios para preservar a nosa saúde colectiva. Neste contexto, a celebración do Entroido de Marín debe cancelarse no que respecta ao seu formato habitual e procurar un xeito diferente de adaptarse a esta situación extraordinaria.
As concelleiras Beatriz Rodríguez, Itziar Álvarez e Marián Sanmartín mantiveron este
venres unha reunión con representantes das asociacións que, en palabras de ambas, “son
as que manteñen vivo o noso Entroido”, para abordar xunto a elas actividades alternativas
coas que conmemorar estes días lonxe dos festexos multitudinarios que os caracterizaban.
Así, as edís do Goberno local trasladáronlle aos representantes das comparsas Os Da Caña
e Os Paparrulos e das asociacións Ateneo Santa Cecilia e Amigos dos Rapaces a
imposibilidade de realizar o Entroido como todos os anos e propuxeron a posibilidade de
realizar unha serie de vídeos cos que trasladar a festa do Carnaval das rúas ás pantallas,
poñendo en valor todas as citas de ocio e de cultura que marcan habitualmente estes días
na nosa vila: a Festa do Merengue, a festa infantil, o Concurso de Filloas e Ourellas, o
Bolo do Pote…
Ademais, o obxectivo é poder crear exposicións físicas que nos lembren que estaremos
en tempo de Entroido e que poden ser visitadas cumprindo con todas as medidas de prevención, hixiene e control da pandemia.
Por unha banda, co Ateneo Santa Cecilia, impulsarase un pequeno velorio da sardiña,
unha das cuestións máis signficativas do noso Entroido, no Multiusos da Praza de
Abastos. “Está sobre a mesa que ese velorio poida extenderse a unha pequena mostra na
contorna do Mercado, que irá apoiada tamén pola colocación das típicas banderolas do
Enterro”, aseguraron as concelleiras. Ademais, a entidade cultural, tal e como adiantaron
na reunión, organizará un concurso de debuxo para escolares sobre o Enterro da Sardiña.
No que respecta ás comparsas, realizarán unha exposición dos seus traxes máis emblemáticos no Museo Manuel Torres. Ademais, haberá unha mención especial para
ambas pola súa longuísima traxectoria, xa que este ano O da Caña cumpren o seu 30
aniversario, unha data significativa que Os Paparrulos tamén celebraron no 2020. Tamén se procurará contar con outras comparsas que participaron do Entroido de Marín noutras épocas, aínda que agora non estean activas. Nos vídeos mencionados anteriormente,
poderá contase coas batukadas destas comparsas, para que poidan realizar algún tipo de
actuación musical.
A asociación Amigos dos Rapaces tamén recuperará a súa Festa do Merengue dun xeito
dixital e alternativo, con decoración na praza o mesmo día e sobre todo coa súa inserción
nunha das pezas audiovisuais que se realizarán. Segundo comentou a súa representante
na reunión, tamén valorarán a posibilidade de crear unha escolma de fotos doutros anos
que colgarán nas redes sociais.