HomePontevedraO Entroido de Redondela fai arder o neofascismo

O Entroido de Redondela fai arder o neofascismo

- Anuncio -spot_img

Ao berro de: “Lume aos muros, lume ás deportacións, aos bulos e á manipulación” este Martes de Entroido Redondela queimou ao seu Meco, representado na figura de Donald Trump. O pregón, na voz do actor redondelán Tatán, comezou co son dunha alarma nuclear. O manifestou lembrou que “non é unha película, non é ficción” porque a ameaza nuclear existe cando no mundo manda un home “con demasiado ego, demasiado odio, demasiado medo”. O Meco condenouno porque “aplaude a Israel sen mirar ás vítimas, mira a Rusia con admiración, coquetea con Corea do Norte e humilla aos pobos con aranceis de sumisión”. O lume do Entroido non esqueceu que o mandatario norteamericano “quixo mercar Groenlandia coma quen compra un capricho, porque para Trump todo é negocio, mesmo a terra, mesmo a dignidade, mesmo a nación”.

Centos de persoas ateigaron a Alameda Castelao e as rúas do centro da vila para vivir o espectáculo. Co Meco queimouse “ o supremacismo, a violencia, o machismo e a impunidade, os que atacan a democracia mentres berran “patria” e sementan desigualdade”. O Meco pediu que das lapas saia “memoria, xustiza, dignidade e razón, porque en Redondela sabemos que o odio non é unha opción”.

Os lumes de artificio, proxeccións e marionetas xigantes do espectáculo “Hexagonum”, de Troula Animación, completaron a xornada festiva e reivindicativa. O concerto da Mekánica Rolling Band, un dos grupos máis festivos de Galicia, puxo o broche ao Martes de Entroido coa súa explosiva mestura de ritmos populares e punk brass.

Publicacións Relacionadas