O obradoiro de Chan Pélvico, de Apoderamento Corporal, de Mindfullnes, meditación e relaxación, de Arteterapia, de Biodanza, e de Diversas, obradoiro afectivo sexual, serán os protagonistas dunha nova edición do Espazo de Autocoidado que lanzan dende a concellería de Igualdade e Benestar Social.
O concello presenta unha nova edición do Espazo de Autocoidado.
O ESPAZO AUTOCOIDADO é un programa de intervención comunitaria , promovido pola Concelleria de Igualdade do Concello de Soutomaior e o CIM , que está orientado principalmente a mulleres empadroadas, facendo intervencións desde diferentes perspectivas e orientacións para promover a definir a procura dos seus proxectos vitais, da súa identidade e da súa autonomía. Abrangue tamén aspectos da súa orientación persoal, social e laboral, así coma a promoción do tecido e fortalecemento de redes sociais e de apoio entre elas baixo o principio de sororidade.
Os obxectivos do programa son: reforzar a autoestima e o autoconcepto das destinatarias, a creación de rede social e tecido comunitario, apoderamento a través do traballo emocional, artístico e corporal, fomentar o traballo corporal e de consciencia do corpo como xeito de Apoderamento corporal, visibilizar e xestionar os conflitos emocionais a través da arte e o de promover hábitos de Saúde e de autocoidado como ferramenta clave para o benestar.
E tal e como informan dende o CIM os resultados agardados no desenvolvemento do programa son os seguintes: a mellora da autorregulación emocional e redución dos niveis de ansiedade das participantes, o aumento do autocoñecemento e a capacidade reflexiva, na súa autopercepción e autoestima, a mellora na responsabilidade do proceso de Apoderamento, a toma de decisión e autocoidado, a promoción de hábitos de Saúde e espazos de calma e calidade comunitaria.
Con todo, este Espazo de Autocoidado achegará ao Centro de Benestar Integrado (Multiúsos) de Arcade o obradoiro de Solo Pelviano, de Apoderamento Corporal, de Mindfullnes, meditación e relaxación, de Arteterapia, de Biodanza, de Defensa Persoal, de Autoestima, de Escrituras e Narrativas e o de autocoñecemento para o bo trato. Obradoiros todos eles que se irán desenvolvendo no primeiro semestre do 2026, dende xaneiro ata xuño.
Obradoiros todos eles, de balde, que precisan inscrición previa que se realizará a través da web do concello en https://soutomaior.gal/actividades/
Terán prioridade na admisión dos obradoiros, as mulleres en situación de especial vulnerabilidade segundo criterios establecidos na orde do Programa de Igualdade e Prevención da violencia de xénero 2025-2026.



