HomePontevedraBaixo MiñoO Espazo Isaura Gómez arranca un trimestre cheo de cultura para todas...

O Espazo Isaura Gómez arranca un trimestre cheo de cultura para todas as idades

- Anuncio -spot_img

Contacontos, exposicións, charlas, presentación de libros e monicreques darán vida á programación deste espazo emblemático de Tomiño

Un trimestre enteiro de historias, xogos e encontros culturais agarda no corazón de Tomiño. O Espazo Isaura Gómez inicia esta fin de semana a súa programación cun cartel diverso que mestura contacontos, exposicións, monicreques, presentacións de libros e conferencias, converténdose así nun referente cultural para todas as idades.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “o Espazo Isaura Gómez é xa un punto de encontro imprescindible para a veciñanza, un lugar que honra a memoria dunha muller comprometida coa cultura e ao tempo proxecta actividades para todos os públicos. E esta programación trimestral é o mellor exemplo, xa que está pensada e deseñada para que cada veciño e veciña atope un momento para gozar, aprender e compartir en comunidade”.

A primeira parada será este sábado 11 de outubro ás 12.00 h, co artista Caxoto e o seu contacontos “Conto contado, día arranxado”, un espectáculo pensado para público familiar cheo de improvisación, diálogo co público e xogos, no que cada función é unha aventura diferente.

En outubro a programación continuará o sábado 15 cun novo contacontos, desta volta da man de Bea Campos (“Un berce cheo de contos”, 12.00 h), e culminará o venres 31 coa inauguración da exposición “Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza. 1934-1944” ás 20.00 h.

O mes de novembro traerá citas moi especiais para a cativada e tamén para o público xeral: o sábado 8 (12.00 h) será a presentación do novo libro de Pepe Carreiro, “Os Bolechas coñecen o Espazo Isaura Gómez”, coa presenza dos propios Bolechas; o sábado 15 (12.00 h) chegarán os títeres de Títeres Natúacasa con “Pelusa e o libro máxico de Castelao”; e o venres 21 (20.00 h) celebrarase a charla “Coñece a Isaura Gómez”, que permitirá descubrir a figura que dá nome a este espazo.

En decembro, a programación pecharase con dúas actividades moi esperadas: a visita da mascota da Eurocidade, Mizzi, o venres 26, e un novo contacontos de Bea Campos, o sábado 27.

Con este arranque, o Espazo Isaura Gómez reafírmase como unha aposta clara do Concello de Tomiño por achegar a cultura á cidadanía, combinando tradición, memoria e creatividade.

Publicacións Relacionadas