HomePontevedraPoioO espectáculo de monicreques "O Tranvia Leonardo" chega á praza da Chousa...

O espectáculo de monicreques “O Tranvia Leonardo” chega á praza da Chousa da man da compañía Fantoches Baj

- Anuncio -spot_img

• A actividade terá lugar este xoves, ás 20.00 horas, e forma parte da programación impulsada polo Concello para conmemorar o 50 aniversario do nomeamento de Combarro como Núcleo Histórico

• A Escola de Música Tradicional de Poio iniciará o día 24 o ‘Mar de Sons’ cunha ruada polo núcleo da vila

A praza da Chousa acollerá este xoves, a partir das 20.00 horas, o espectáculo de monicreques ‘O Tranvía Leonardo’. Esta actividade gratuíta forma parte da programación deseñada polo Concello de Poio, a través das áreas de Cultura, Deportes e Normalización Lingüística, para conmemorar o 50 aniversario do nomeamento de Combarro como Núcleo Histórico, e que incluirá diferentes iniciativas de lecer, espectáculos e probas deportivas que se prolongarán ata máis alá do verán.

A compañía Fantoches Baj, que conta cunha ampla experiencia no mundo do espectáculo con monicreques, será a encargada de contar, a través da narración oral, o humor, os monicreques e a música, a historia do tranvía Leonardo, o primeiro tranvía a vapor de Galicia. Trátase dun espectáculo que forma parte do programa ‘FalaRedes’, impulsado pola Rede de Dinamización Lingüística, dependente da Xunta de Galicia. “Trátase dunha actividade pensada para un público familiar, con moito humor, que gustará especialmente ás crianzas”, sinala a edil de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG).

Ademais, a concelleira nacionalista tamén adiantou que o Mar de sons, unha iniciativa que tamén se inclúe dentro deste programa e que consiste nunha serie de ruadas musicais protagonizadas por colectivos musicais do municipio, dará comezo o domingo 24 de xullo. Esa cita inaugural contará coa participación da Escola de Música Tradicional de Poio, que realizará un percorrido musical polo casco histórico de Combarro en sesión vermú. Esta actividade repetirase tamén durante o mes de agosto.

Publicacións Relacionadas