HomePontevedraO Ganapán volve esgotar en dúas horas as 16 prazas para o...

O Ganapán volve esgotar en dúas horas as 16 prazas para o obradoiro de mañá, con 29 crianzas en lista de agarda

- Anuncio -spot_img

O Mercado encherase de actividades esta fin de semana co Mercado Creativo deste sábado a partir das 11.00 e o Mercado do Emprendemento, ambas as dúas situadas no primeiro andar

O prazo de solicitude para O Ganapán abre cada mércores e pecha e os venres e é posíbel anotarse a través do enderezo oganapan@gmail.com

O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, segue a incentivar as actividades infantís que achegan ás crianzas á cultura e á gastronomía local a través da Praza de Abastos.

Desta vez, as crianzas de 4 a 10 anos aprenderán a facer un saboroso biscoito de castañas, un xeito de coñecer a gastronomía de noso e divertirse ao tempo que se fomentan hábitos alimentarios saudables con produtos de calidade e proximidade. Amais, tamén elaborarán buxainas, porque como tal e como di o refrán, por San Martiño… trompos ao camiño! Dende a organización lembran que os pequenos e as pequenas participantes teñen que agardar alo menos tres semanas para repetir obradoiro, pois dese xeito máis crianzas poderán gozar do Ganapán.

Amais, a fin de semana fará da Praza de Abastos un punto neurálxico para a gastronomía e o ocio da Boa Vila grazas ao Mercado Creativo e ao Mercado do Emprendemento que acollerán a máis dunha trintena de emprendementos entre ambos os dous. O horario do Mercado Creativo, como nas anteriores ocasións, é de 11.00 a 15.00 horas e inclúe música en vivo do grupo Os Pretty, a partir das 13.00 horas.

E dentro do programa O Ganapán continúan a celebrarse cada semana as visitas escolares ao Mercado de Abastos que comezaron no mes de outubro para achegar a máis de 600 crianzas da Boa Vila a este equipamento esencial da cidade. Ata o de agora, achegáronse ata a praza do Mercado centros de Pontevedra e contorna, coma o CEIP Álvarez Limeses, o CEIP Froebel, o CEIP Barcelos ou o CEIP Xunqueira.

As 16 prazas dispoñibles esgotáronse en apenas un par de horas e xa hai lista de agarda con 29 crianzas e ata 43 correos electrónicos recibidos. O prazo para solicitar praza abre cada mércores e pecha e os venres; é posíbel anotarse a través do enderezo oganapan@gmail.com.

Publicacións Relacionadas