- O Convenio aprobado establece o marco económico e técnico necesario para acometer obras que mellorarán a seguridade, a accesibilidade, os servizos e os espazos de uso público, garantindo un investimento coordinado por parte das tres administracións.
- As actuacións incluídas no convenio teñen un impacto directo no benestar da cidadanía e no funcionamento diario de espazos clave do municipio
O Concello de Arbo pon en marcha un amplo programa de melloras en infraestruturas municipais logo da aprobación do convenio de colaboración entre o Concello de Arbo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra para a mellora do entorno do CEIP Antonio Carpintero. Este acordo permitirá executar actuacións longamente demandadas polos veciños, polas familias e polo colectivo educativo, respondendo así ás necesidades detectadas no día a día da vila.
O convenio establece o marco económico e técnico necesario para acometer obras que mellorarán a seguridade, a accesibilidade, os servizos e os espazos de uso público, garantindo un investimento coordinado por parte das tres administracións. O importe das actuación obxeto do presente convenio ascende a catrocentos sete mil setecentos corenta e oito euros con sesenta e tres céntimos (407.748,63 €.-)
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, salientou a relevancia do convenio aprobado:
“A colaboración entre o Concello de Arbo, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra permítenos executar obras imprescindibles que mellorarán a vida diaria das familias. Son actuacións que responden exactamente ao que os veciños e o colectivo educativo nos trasladaron”.
A actuación consiste na creación dun itinerario peonil en ambas marxes da vía mediante a execución de beirarrúas segregadas do tráfico motorizado e a adecuación dun espazo para a realización de cambios de sentido na contorna do P.Q. 0+180. Proxéctase a renovación do pavimento de aglomerado, a renovación da rede de pluviais, o soterramento da rede de alumeado público e colocación de luminarias, a colocación da correspondente sinalización vertical e horizontal, así como a execución de pasos de peóns sobreelevados co fin de reducir a velocidade dos vehículos e permitir aos peóns o cruce da calzada de forma cómoda e segura, mellorando así a convivencia entre todos os usuarios da estrada no ámbito de actuación contemplado no proxecto.
O rexedor tamén subliñou a importancia de seguir avanzando na modernización do municipio:“Estas obras non só resolven necesidades actuais, senón que preparan Arbo para os próximos anos. O noso compromiso é continuar traballando para crear un municipio máis moderno, seguro e accesible para todos”.
Con esta intervención perséguese delimitar claramente a circulación do tráfico rodado e peonil, segregando os espazos co fin de crear itinerarios peonís seguros para os colectivos máis vulnerables, sempre baixo as premisas de buscar un deseño que sexa comprensible, utilizable e practicable por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade.



