· Os populares bótanlle en cara a súa nula capacidade de xestión e previsión que condea á Calzada a non poder izar o distintivo de calidade conseguido desde o ano 2015 polo último goberno do PP.
· Díaz non fixo os deberes e “esqueceuse” de pedir a axuda de 9.000 euros que todos os anos lle concede a administración autonómica para contratar socorristas.
Os concelleiros do Partido Popular de Ponte Caldelas consideran unha irresponsabilidade e unha nula capacidade de xestión a decisión tomada polo equipo de goberno de Andrés Díaz de non concurrir ao proceso de subvencións da Xunta para a contratación de socorristas cando a administración autonómica lle concedía habitualmente uns 9.000 euros para este menester.
Esta irresponsabilidade fai que agora teña que abrir e pechar un proceso de selección de socorristas en 24 horas cando este persoal xa leva tempo seleccionado noutros concellos que si fixeron os deberes con anterioridade. Deste xeito, con toda probabilidade e por terceira vez consecutiva, Ponte Caldelas terá que arriar a Bandeira Azul, un distintivo de calidade conseguido no ano 2015 polo último goberno do Partido Popular.
Os edís do PPdeG levarán a súa queixa ao vindeiro Pleno que a Corporación Municipal celebre a finais deste mes de xullo e pedirán responsabilidades ao grupo de goberno pola súa falla de previsión e a nefasta xestión de Andrés Díaz ao fronte do Concello de Ponte Caldelas o que provoca a falla de continuidade da Bandeira Azul na praia fluvial da Calzada.
DESPOIS DO “ESQUECEMENTO” FAI O PARIPÉ PARA CUBRIR O EXPEDIENTE
Para os edís do PPdeG o máis grave de todo isto, ademais da posta en perigo da Bandeira Azul, está o “esquecemento” á hora de pedir a subvención dos 9.000 euros que cada ano lle viña concedendo a Xunta de Galicia. “Deixou pasar o prazo pola súa nefasta capacidade de xestión e agora fai o paripé, para cubrir o expediente e evitar as críticas veciñais, e abre e pecha un proceso selectivo para contratar socorristas en 24 horas cando sabe que a estas alturas do Belén xa están contratados nos demais concellos da provincia e de Galicia. Deste xeito evidénciase a nula capacidade de xestión e o pouco interese que ten o Goberno de Díaz por coidar e potenciar a praia fluvial da Calzada”, indicou o voceiro do PPdeG, Antón Xil.
Paralelamente a esta circunstancia son cada vez máis as queixas de usuarios da praia e do paseo da Calzada que critican o estado de abandono no que se atopan desde hai 7 anos. As queixas céntranse básicamente na falla de reposición de farolas arrincadas o que provoca unha clara falla de visibilidade nocturna, o deterioro de instalacións, a inexistencia dun parque infantil despois de que fora esmorecendo e desaparecendo paulatinamente os distintos aparatos de xogo para os cativos, falla de accesibilidade regular aos baños públicos e carencias en limpeza de instalacións pola mañá e pola tarde garantindo a salubridade da zona.