O goberno local consignou no pleno deste luns os cartos para levar adiante a humanización de Otero Pedrayo e Manuel Lemos, a redacción de sendos proxectos para completar a musealización do castro de Chandebrito e para construír un novo pavillón municipal no IES Val Miñor, etc.
“Temos unhas contas moi saneadas e o goberno do Estado nos permite despois de moitos anos investir o noso remanente no que a veciñanza precisa despois de anos agardando”, explica o alcalde, Juan González
O rexedor informou da consignación mediante decreto de alcaldía de 150.000 € para o banco municipal de alimentos e para equipamente de protección covid, tal e como fixo o ano pasado
O goberno de Nigrán aprobou no pleno ordinario desta mañá, e sen o apoio da oposición do Partido Popular, o investimento de 3.150.210 € do Remanente de Tesourería en novas infraestruturas e servizos para Nigrán. Entre estas figuran os cartos para levar adiante a humanización das rúas Otero Pedrayo e Manuel Lemos, a financiación da terapia canina para o CEE Juan María, a contratación de dúas persoas para o departamento de Servizos Sociais ou a redacción de sendos proxectos para completar a musealización do castro de Chandebrito e para construír un novo pavillón municipal no IES Val Miñor que complemente ao actual. Adicionalmente, o rexedor informou da consignación mediante decreto de alcaldía de 150.000 € para a compra de alimentos e productos de hixiene e limpeza destinados a familias afectadas pola crise do covid, tal e como fixo o ano pasado.
“Temos unhas contas moi saneadas e o goberno do Estado nos permite despois de moitos anos investir o noso remanente no que a veciñanza precisa despois de moito tempo agardando”, explicou o alcalde, Juan González, quen reprendeu á oposición por non apoiar o que considera “de gran interese para a cidadanía e para o futuro de Nigrán”.
Pavillón
O goberno local plantexa construir un novo pavillón municipal no recinto do IES Val Miñor para uso público e do propio alumnado. Con este obxectivo, o goberno local consignou no pleno ordinario de hoxe 14.890 € do Remanente de Tesourería para a redacción do proxecto. O investimento previsto, non superior aos 300.000 €, permitirá zanxar os problemas de compatibilidade de actividades no actual Pavillón Municipal de Panxón e, ao mesmo tempo, dotar ao centro educativo dunha infraestrutura de verdade acorde as súas necesidades.
“O pavillón de Panxón resulta claramente insuficiente para todas as actividades que alí se desenvolven e, por outra banda, esta é unha demanda histórica do IES Val Miñor que actualmente nin sequera por protocolo Covid pode usar a aula que ten a ese fin, así que rendibilizaremos ao máximo a infraestrutura”, explica o alcalde, Juan González.



