A moción presentada polo goberno a instancias de SOS Sanidade Pública do Val Miñor pedía un cambio urxente na política sanitaria da Xunta e foi aprobada co voto en contra do PP
Alertan de que o deterioro do sistema, coas consecuentes listas de agarda, está a atrasar diagnósticos e, con elo, incrementándose a mortandade evitable
“Este goberno está comprometido coa defensa a ultranza da sanidade pública de calidade, universal e gratuíta , e por esta razón nos volvemos a sumar á manifestación”, explica o alcalde, Juan González
O goberno socialista de Nigrán aprobou esta mañá unha moción no Pleno ordinario en defensa da Atención Primaria e o sistema de saúde presentada a instancias de SOS Sanidade Pública Val Miñor e co voto en contra do PP. O escrito, como noutras ocasións, foi lido por Jesús Araújo Nores, portavoz da plataforma. Igualmente, o alcalde, Juan González, anunciou que o Concello disporá dun autobús gratuíto para asistir á gran manifestación do 12 de Febreiro ás 12:00 en Santiago (teléfono para reservar prazas: 660083984).
“Este goberno está comprometido coa defensa a ultranza da sanidade pública de calidade, universal e gratuíta, e por esta razón nos volvemos a sumar á manifestación”, explica o alcalde, Juan González, quen expuxo a súa fonda preocupación polas grandes listas de agarda que retrasan o diagnóstico e, con elo, incrementa a mortandade evitable.
“Os orzamentos aprobados pola Xunta destinan un 14% ao gasto sanitario cando a OMS considera que debe ser un 25%”, sinalou no propio escrito Araújo, citando como consecuencias inmediatas as prazas médicas que non se cubren, demoras de entre 6 meses e 1 ano para unha primeira consulta para un especialista ou intervención cirúrxica, fuxida cara os seguros privados… Por todo elo, tanto SOS Sanidade Pública como o goberno de Nigrán reclaman unha batería de medidas que inclúan unha suba do orzamento, dotar de recursos os hospitais ou recuperar prazas recortadas.



