- O exercicio 2024 pechouse cun superávit de 2.009.968 euros, grazas a unha xestión responsable e ao control rigoroso do gasto público
O Pleno do Concello de Ponteareas aprobou a Conta Xeral correspondente ao exercicio 2024 cun balance “claramente positivo”, segundo salientou o concelleiro de Facenda, Francisco J. Represas, na súa intervención no pleno ordinario de xullo. A proposta do Goberno municipal (PP-ACIP-IP) saíu adiante cos votos a favor dos 11 concelleiros do executivo, fronte aos 3 votos en contra (PSOE e Ponteareas en Común) e 5 abstencións (BNG).
Xestión responsable e control do gasto
A Conta Xeral reflicte a consolidación da recuperación económica do Concello tras anos de xestión deficitaria, así o resumíu o edil. O exercicio 2024 pechouse cun superávit de 2.009.968 euros, grazas a unha xestión responsable e ao control rigoroso do gasto público. Isto contrasta co peche do exercicio anterior (2023), no que se rexistraron perdas próximas aos 2 millóns de euros.
O orzamento de 2024, aprobado en tempo e forma, permitiu avanzar na estabilidade económica do Concello. En termos de execución, os ingresos acadaron o 81% (23,2 millóns de euros) e os gastos o 79% (21,2 millóns).
Incremento nos fondos líquidos
A mellora da situación económica tamén se reflicte na liquidez municipal: o Concello pechou o ano con 814.200 euros nas contas bancarias, fronte aos 521.300 euros do ano anterior, o que supón un incremento do 56% nos fondos líquidos.
O Concelleiro de Economía e Facenda, Francisco J. Represas, salientou que “estes resultados demostran que a boa xestión é posible e que hoxe temos un Concello máis solvente, máis transparente e con máis capacidade para seguir mellorando os servizos públicos que ofrecemos á veciñanza”.
Primeiro plan de contratación pública
Outro dos fitos destacados na xestión económica do ano foi o avance na contratación pública. Por primeira vez, o Concello aprobou un Plan Anual de Contratación, incrementou o persoal específico no departamento e licitou servizos que levaban anos prestándose de forma irregular, como o subministro eléctrico, material de oficina, limpeza, mantemento de extintores ou destrución de documentos.
Ademais, adianta o concelleiro, que se está a traballar nun expediente de depuración de cobros, xa que existen importantes cantidades pendentes dende 2011. Este goberno reduciu de forma significativa o importe pendente de pago a finais de ano: de 2,9 millóns en 2023 a só 597.000 euros en 2024.
A Conta Xeral 2024 cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria e regra de gasto, o que garante a capacidade de financiamento para continuar modernizando Ponteareas.