HomePontevedraO Goberno de Salceda consegue 685.000€ para o saneamento de Soutelo

O Goberno de Salceda consegue 685.000€ para o saneamento de Soutelo

- Anuncio -spot_img

Logo de meses de negociacións, Confederación Hidrográfica notificou ao Concello o convenio de colaboración polo que a entidade estatal asume o 95% do custo

O Concello de Salceda de Caselas vén de recibir a proposta de convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para execución do saneamento na parroquia de Soutelo. O convenio recolle un investimento de 685.000€ asumidos nun 95% pola propia Confederación e nun 5% polo Concello de Salceda. Deste xeito, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil asumirá un investimento de 650.750€ repartidos nos orzamentos de 2025, 2026 e 2027, e o Concello de Salceda fará o mesmo con un importe de 34.250€.

A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, amosou o seu contento con esta nova que levaba tempo agardando: “son moitos meses de xestión coa Confederación Hidrográfica e co seu Presidente José Antonio Quiroga nos que a cautela non nos permitíu trasladar a información á veciñanza, pero hoxe estamos xa en condicións de anunciar esta boísima nova convencidas de que coa mesma satisfacción que a recibimos dende o equipo de goberno será igualmente recibida na parroquia de Soutelo”

Loli Castiñeira quixo agradecer especialmente a José Antonio Quiroga a súa boa predisposición e a súa colaboración para que este convenio puidese por fin facerse realidade. A alcaldesa amosouse tamén consciente de que o proxecto non  recollerá o saneamento no 100% da parroquia, pero que sen dúbida será un primeiro paso moi importante para dotar de saneamento a Soutelo, saldando deste xeito unha débeda histórica coa veciñanza.

O equipo de goberno de Movemento Salceda segue a dar pasos importantes na segunda transformación de Salceda nesta “lexislatura do saneamento”, na que xa se levan aprobado investimentos importantes ao longo de todo Concello. En palabras de Marcos Troncoso, Concelleiro de Axenda Ecolóxica, “quedábanos pendente a parroquia de Soutelo, e logo dun longo traballo por fin se fai realidade. Logo desta boa nova non imos deixar de traballar neste servizo fundamental para que a totalidade do noso territorio poida contar con el o antes posible”.

Unha vez asinado o convenio con Confederación Hidrográfica, que deberá ser aprobado en Pleno, comezarán os traballos de redacción do proxecto previstos nesta anualidade 2025, para botar a andar a execución da obra o vindeiro 2026 e que poida estar rematada no 2027.

Publicacións Relacionadas