A axuda, destinada a sementar ameixa na ría, ven motivada debido á situación que está a vivir o sector do mar debido a alta mortandade da ameixa e outros problemas que padece o sector como é o caso das ouxas ou dos arroaces.
O alcalde de Soutomaior, Manu Louenzo, reuniuse co patrón maior da Confraría de Arcade, Gonzalo Reinoso, para outorgar unha axuda do Goberno Local de 15 mil euros que a Confraría destinará á compra da ameixa.
A Confraría de Arcade presentou un informe do biólogo da mesma no que recomendan que se sementen con ameixa de maior tamaño do que se viña facendo ata o de agora. De tal xeito, que con esta iniciativa preténdese rexenerar os bancos marisqueiros e garantir unha maior produtividade do fondo da Ría de Vigo que contribúa na calidade de vida e nos ingresos dos mariñeiros e mariscadoras.
Tal e como afirmou esta mañá o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, “con esta iniciativa queremos amosar o noso compromiso co sector do mar que está a padecer unha situación moi difícil nos últimos tempos”, Lourenzo tamén sinalou a importancia de que “Soutomaior conte canto antes cunha nova EDAR que permita resolver este problema canto antes” ao que lembrou que “a Xunta ten paralizada esta EDAR dende hai máis de 10 anos e o noso sector do mar está a padecer as consecuencias, o Goberno de Soutomaior cumpre cos nosos mariñeiros e mariscadoras e esiximos que todas as administracións responsables fagan o mesmo”.
O mar é un sector produtivo estratéxico para o concello de Soutomaior, “estamos falando de bancos marisqueiros que están no ámbito da Rede Natura da Enseada de San Simón e isto constitúe un tesouro que dende o Goberno de Soutomaior imos a coidar e a recuperar” finalizou Manu Lourenzo.

