O Goberno de Soutomaior reunirase cos propietarios das parcelas nas que construirá o ecoparque empresarial

adminON
Lectura mínima de 3

O alcalde Manu Lourenzo sinalou que o proxecto será un paso xigante para modernizar e mellorar o modelo económico do concello.

O Goberno de Soutomaior manterá unha reunión este xoves, 3 de outubro, ás 19:00 horas na Casa do Concello coas persoas propietarias das parcelas da zona da Montesiña na que ten previsto construír un ecoparque empresarial. Con este ambicioso proxecto Soutomaior contará cun potente foco de atracción de empresas, o que a súa vez axudará ao desenvolvemento económico de toda a zona.

Na reunión con estes veciños, que no día de hoxe comezarán a ser contactados de maneira telefónica para que asistan á reunión, tamén estará presente o prestixioso arquitecto e urbanista Xabier Rivas Barreiro, quen xunto co seu equipo, foi o encargado de redactar o proxecto deste ecoparque empresarial.

No proxecto tamén se contempla unha grande zona verde, dotando ao ecoparque dun carácter moderno e traballado con espazos de lecer. Un Ecoparque que está pensado para PEMES vencelladas co sector secundario ou comercial. De tal xeito que este proxecto non suporá un incremento substancial do tráfico pesado e contribuirá a vertebrar o concello a través dunha zona urbanizada, ben alumeada e cunha superficie comercial dotada de dinamismo económico, vida e mobilidade.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “estamos a proxectar unha ampla área comercial e empresarial que suporá un antes e un despois para a vida en Soutomaior, trátase duna área empresarial rodeada de zonas verdes e instalacións deportivas que está chamada a ser un núcleo de progreso e de desenvolvemento económico”.
“Un polígono que ademais terá liña de horizonte co fin de integralo na paisaxe polo que as novas naves non suporán elementos que distorsionen. Trátase dun Ecoparque verde, respectuoso co medio ambiente e pensado en dar resposta á demanda de moitos empresarios que precisan desta superficie para medrar e desenvolver a súa actividade no concello. Isto supón un paso xigante para a economía do noso concello, o que vai beneficiar de gran maneira aos nosos veciños e veciñas”, concluíu o alcalde.

Comparte este artigo