Membros vinculados de maneira directa ao PP de Soutomaior realizaron varios ataques persoais contra Mariño despois de que o artista e veciño desmentise un bulo do PP no que se culpaba ao Goberno de Soutomaior do deterioro do Belén Municipal.
O Goberno de Soutomaior trasladou o seu total apoio ao artista local Marcos Mariño tras as graves acusacións e desconsideracións vertidos contra a súa persoa por parte de membros próximos ao PP de Soutomaior durante toda a fin de semana.
As faltas tiveron lugar despois de que o artista e veciño de Soutomaior desmentise un burdo do PP nas redes sociais no que culpaba ao actual Goberno local do deterioro do Belén municipal, unha peza de madeira tallada con motoserra polo propio artista. Tras o desmentido categórico de Marcos Mariño, varias persoas vinculadas directamente co PP de Soutomaior e que participan de maneira presente na actividade da formación política optaron por realizar numerosos ataques persoais contra o artista local, no canto de recoñecer o seu erro rectificar a información publicada.
Sobre as desconsideracións recibidas polo artista local, o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, reafirmou o seu apoio e o de todo o Goberno de Soutomaior a Marcos Mariño. O alcalde sinalou que “estes ataques persoais retratan só a quen os fai e demostran que, hoxe por hoxe, no PP de Soutomaior están desnortados e descabezados e por iso se dedican a facer este tipo de ridículos”.
“É lamentable que o mesmo partido que estivo 28 anos no Goberno de Soutomaior, tomando decisións que afectaban a toda a veciñanza do noso concello, se dedique hoxe en día a promover de maneira burda bulos en redes sociais, e que cando estes son desmentidos, o círculo máis próximo ao PP de Soutomaior teña como única ferramenta a desconsideración e a falta de respecto permanente. Os e as votantes do PP que de verdade lle queren a Soutomaior non merecen ser partícipes do espectáculo tan lamentable no que se converteu o PP desde que está na oposición”, engadiu o rexedor.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “tanto a veciñanza como o Goberno de Soutomaior están por enriba destas actitudes dunha minoría que non representan o sentir de ninguén no noso concello”. “Imos seguir traballando man con man co tecido social e cultural de Soutomaior para construír un Nadal de todas as persoas e para todas as persoas, afastado totalmente de comportamentos que só buscan enturbiar a boa convivencia que hoxe temos no noso concello”, concluíu Lourenzo.

