HomeTabeirósA EstradaO goberno local adxudica obras por valor de 18 millóns de euros...

O goberno local adxudica obras por valor de 18 millóns de euros desde o comezo do actual mandato

- Anuncio -spot_img

o Unha das actuacións de maior magnitude, adxudicada en 6,8 millóns de euros, consiste na renovación do alumeamento público das 51 parroquias estradenses

o Desde mediados do 2019 contratáronse 54 actuacións, a maioría adicadas á mellora das vías rurais, á construción de mobiliario e á humanización das rúas do casco urbano

O alcalde da Estrada, José López, fixo balance da xestión do goberno local durante este último mandato e anunciou que se adxudicaron obras por valor de 18 millóns de euros en 54 actuacións -a maioría delas xa finalizadasdesde mediados do 2019, adicados na súa meirande parte a proxectos que teñen que ver coa humanización das rúas, cos plans de asfaltado das vías do rural ou coa modernización do alumeamento público nas parroquias.

López subliñou que “nestes últimos anos estanse a acometer importantes actuacións transformadoras no noso municipio, relacionadas coa recuperación de espazo para os peóns, coa mellora da eficiencia enerxética ou coa aposta polo deporte base”, e engadiu que este nivel de licitacións é posible “grazas ao bo facer dos técnicos do Concello e á nosa capacidade de xestión para conseguir fondos públicos”.

As actuacións no rural concentraron gran parte do investimento nos tres últimos anos.
Un dos proxectos de maior magnitude que se está a executar na actualidade, adxudicado en 6,8 millóns de euros á empresa Tecuni, consiste na renovación do alumeamento público das 51 parroquias estradenses co cambio de 14.000 puntos de luz por luces LED, o que permitirá reducir un 70% o consumo enerxético e, ao mesmo tempo, aumentar a cantidade de luminarias no rural. Estes traballos súmanse á substitución de 1.700 luminarias do casco urbano, adxudicada en máis de 800.000 euros e xa finalizada.

Ao mesmo tempo, estase a executar a construción dunha rede de abastecemento que conecte as parroquias de Tabeirós e Nigoi á traída de auga municipal. Estos traballos, adxudicados á firma Petrolam en 840.000 euros, solucionará os problemas de abastecemento de máis de 400 vivendas.

Ás anteriores actuacións súmanse as numerosas licitacións para realizar asfaltados tanto nas vías rurais como nas urbanas, por un valor total de preto de 4 millóns das obras xa adxudicadas. No eido urbano, ao longo deste último mandato as obras máis costosas foron aquelas adicadas á humanización das súas principais rúas, á adquisición de novo mobiliario urbano e á reforma integral da Praza da Feira, cun desembolso de 1,2 millóns de euros para estas actuacións xa finalizadas.

O resto da licitación correspóndese con actuacións adicadas ao mantemento e á mellora das instalacións deportivas, a iniciativas como o Smart Párking, ao acondicionamento de espazos públicos, á mellora da seguridade e da iluminación das rúas da vila, á mellora do equipamento do Teatro Principal, á adquisición de terreos para adicalos a aparcadoiro público gratuíto ou á creación de rutas de sendeirismo, entre outras.

No que vai de 2022, o goberno local licitou 14 obras públicas adxudicadas a 11 empresas diferentes. A actuación que está a supoñer un maior investimento, sumando case o 40% do importe total adxudicado durante os oito primeiros meses do ano, é a construción da pista de atletismo. Este proxecto, adxudicado á firma Construcciones y Viales S.A (Covsa) por 1.187.868 euros, atópase na súa segunda fase logo de rematar os traballos de explanación do terreo sobre o que se asentarán as instalacións, adxudicados a Ivanca por 183.920 euros. A seguinte fase do proxecto consistirá na construción dun módulo anexo á pista de atletismo, que será financiado cun millón de euros procedentes da Secretaría Xeral para o Deporte e outro millón de euros de fondos propios do Concello. O rexedor local estima que estas obras estean rematadas antes de abril do 2023.

Antes de que remate o ano, López confía en adxudicar outros proxectos “de moita relevancia” como a mellora da sinalización no ámbito urbano e no rural, para o que se adicarán 1,1 millóns de euros que serán empregados para mudar todos os sinais de dirección, de tráfico, de parroquia e de lugar no casco urbano e mais en cada unha das 51 parroquias estradenses. Outras actuacións xa definidas para as que aínda non se iniciou o procedemento de contratación son a mellora integral do Camiño da Geira e dos Arrieiros e mais o Miñoto-Ribeiro, cun orzamento de 388.000 euros; ou a mellora do campo de fútbol de A Nogueira, en Vea, cun orzamento de 435.000 euros.

Publicacións Relacionadas