O Goberno Local de Caldas de Reis acadou máis de 3 millóns de euros en investimentos de diferentes institucións para melloras en servizos, infraestruturas, reforzo de persoal ou emerxencia social

Redacción

O alcalde, Jacobo Pérez, lembra que aos 1,6 millóns xestionados ante a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra hai que engadir os 1,4 millóns correspondentes á recuperación da Carballeira

“Todos estes investimentos acadáronse a través de concorrencia competitiva, a través de liñas de actuación ás que optan todos os concellos”, sinalou Pérez Gulín

En menos de dous anos o Concello de Caldas de Reis foi quen de acadar uns 3 millóns de euros ante diferentes institucións, para promover, a través de diferentes proxectos, obras, actuacións e iniciativas encamiñadas á mellora de infraestruturas, servizos básicos, contratación de persoal ou axuda ás familias con menos recursos, entre outros ámbitos. Este é o balanzo que fixo o alcalde, Jacobo Pérez, no último Pleno ordinario, celebrado este xoves, en canto a tramitacións realizadas ante a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Goberno central. Son, tal e como recalcou o rexedor caldense, achegas que se acadaron a través de concorrencia competitiva, cumprindo con todos os requisitos. “O Concello cumpre co equilibro orzamentario necesario para poder asumir a parte correspondente da financiación, nos casos que é necesario”, aseverou, ao tempo que agradeceu o traballo dos técnicos municipais.

Dentro deste paquete de investimentos, destacan os 700.000 euros xestionados ante a Deputación de Pontevedra, para o proxecto de mellora da mobilidade peonil en San Roque e na súa contorna.

Ademais, o Concello acadou 468.000 euros da Xunta de Galicia para recuperar o seu Obradoiro de Emprego, a través do cal se contratarán de xeito temporal a 20 persoas para a realización de traballos de posta a punto en diferentes puntos do municipio. Os 135.000 euros para a ampliación de espazos deportivos nas Corticeiras ou os 90.000 euros para o arranxo do camiño de San Martiño, en Arcos da Condesa, máis 109.000 euros do programa +Provincia, contemplan parte deste paquete de financiación, que se suma aos 1,4 millóns de euros investidos na rehabilitación da Carballeira e do Xardín Botánico, actuación que marca un antes e un despois para un dos espazos máis emblemáticos da provincia de Pontevedra. “Traballamos para optar a liñas de axuda que están a disposición de todos os Concellos, pero para os que é preciso dispor de proxectos serios, que cumpran todos os requisitos, e de estabilidade orzamentaria. En ningún caso son achegas por mala situación económica, nin nada semellante”, explicou Jacobo Pérez, que afirma que estas xestións deixan patente a capacidade do Goberno local para tramitar achegas “independentemente da cor política de cada institución”. Ademais, agradeceu á Subdelegación de Goberno os máis de 3 millóns de euros que se están empregando na mellora das estradas provinciais N-640 e N-550, en execución desde hai varios meses.

Comparte este artigo