• O alcalde, Jacobo Pérez, e o tenente de alcalde, Manuel Fariña, critican que a decisión da Consellería de Educación de non recuperar a terceira unidade de Infantil no colexio caldense, a pesar de haber demanda de matrícula suficiente, responde “á política de recortes do Partido Popular no eido educativo”
• O feito de non recuperar a unidade a pesar de cubrir o número mínimo obriga a realizar un proceso de baremación que provocará que varios solicitantes queden sen praza, “que é o que busca o PP para poder pechar centros escolares”
O Goberno local de Caldas de Reis amosa, unha vez máis, o seu rexeitamento á política de recortes da Xunta do Partido Popular, que condena ao CEIP San Clemente a non dispoñer dunha terceira unidade en Educación Infantil, a pesares de que “os números dan”. O alcalde, Jacobo Pérez, e o tenente de alcalde, Manuel Fariña, desprazáronse este martes ata o centro educativo, onde constataron que existe una demanda de matriculación máis ca suficiente para recuperar esta unidade, suprimida pola Consellería de Educación o pasado curso. Tal e como lembraron os dirixentes, municipais, a Xunta se comprometeu a reabrir a unidade se había demanda suficiente, tal e como consta nunha resposta realizada ante a Valedora do Pobo,
“se hai suficientes solicitudes, como así foi”. O Concello tamén amosou o seu total respaldo á campaña de recollida de sinaturas promovida pola Asociación de Nais e Pais de Alumnos e Alumnas (ANPA) do colexio caldense, que se iniciou este luns e conclúe o mércores. Estas rúbricas enviaranse á Consellería de Educación. O documento foi asinado polos responsables do Goberno municipal.
Jacobo Pérez e Manuel Fariña advirten de que a supresión da unidade de Infantil o que provoca é que, ante o elevado número de peticións de matriculación, se leve a cabo un proceso de baremación, o que conlevará que “haxa solicitantes que queden fóra, algo que non sucedería de non ser suprimida esa unidade”.
Neste sentido, o concelleiro nacionalista criticou que a Consellería “este a provocar unha limitación nas matriculacións, en vez de abrir a unidade cando hai demanda suficiente, obrigando a baremar”, algo que o propio Fariña xa advertiu que sucedería no Pleno ordinario do pasado mes de setembro, cando a Corporación aprobou unha moción para esixir á Xunta de Galicia a reapertura da devandita unidade escolar do CEIP San Clemente.
O Goberno local amosa a súa preocupación pola actuación que está a realizar o Goberno autonómico, xa que “con este xeito de proceder o que está a provocar a Xunta de Galicia é unha limitación no número de alumnos e alumnas, o que acarreará consecuencias moi negativas para o colexio”. Tanto o rexedor como o tenente de alcalde teñen claro que isto é consecuencia da “nefasta política de recortes que o Partido Popular aplica en eidos tan importancies como a educación ou a sanidade, e que en Caldas de Reis levamos moitos anos padecendo”.