O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, presidiu esta mañá unha Comisión Extraordinaria para tratar este tema e trasladar ao resto da Corporación que xa se conta con todos os informes técnicos e xurídicos precisos para dar o seguinte paso
O concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, presidiu esta mañá unha Comisión Extraordinaria para abordar un dos puntos que se levará na Orde do Día do Pleno do mes de setembro, que se celebrará este xoves ás 20.00 horas na Casa Consistorial.
Trátase dunha das modificacións puntuais do PXOM que está nestes momentos en tramitación e que afecta ao solar da zona de Méndez Núñez. Esta modificación iniciouse tras a sentenza do TSXG, que avalou que esta parcela é un chan urbano non consolidado, polo que permite levar adiante unha futura remodelación urbanística.
O inicio desta modificación levouse a Pleno en setembro de 2022 e desde entón foise traballando en todo o proceso administrativo que supón modificar un PXOM. Dentro dese proceso, recibiuse unha alegación, que foi estudada e finalmente desestimada, e a maiores pedíronse ata 12 informes técnicos e xurídicos das administracións competentes nesta meteria, desde Carreteras á Dirección Xeral de Patrimonio, pasando por Costas e polo equipo técnico municipal, entre outros.
Agora que se conta con todos eses informes favorables, o seguinte paso será levar a modificación ao Pleno, de onde sairá a súa aprobación provisional, posto que a administración que ten competencia para aprobar de forma definitiva estas modificacións é a Xunta de Galicia, que contará con tres meses de prazo para facelo.
Na modificación, plantéxase que toda esta mazá pase a contar con varias seccións:
● Unha área dotacional privada, correspondente co espazo que ocupa o CPR La Inmaculada
● Un equipamento público, que poderá ocupar algo máis de 670 metros cadrados
● Unha zona residencial, na que se poderá construir un edificio de 59 vivendas, cunha extensa zona verde
● A apertura dun vial que conectará a Rúa da Estrada con Fondo do Saco, que suporá a creación de 27 novas prazas de estacionamento