HomePontevedraO Goberno Local respalda a manifestación da ANPA do Toural contra os...

O Goberno Local respalda a manifestación da ANPA do Toural contra os recortes no centro

- Anuncio -spot_img

Convida á veciñanza a secundar a convocatoria para que Educación repoña o profesorado auxiliar e o especializado en audición e linguaxe

O Concello de Vilaboa, en defensa dunha educación  pública de calidade, convoca á cidadanía a participar e respaldar a manifestación convocada pola ANPA O Toural contra os recortes aplicados pola Xunta de Galicia neste centro educativo e que afectan directamente ás familias e alumnado do municipio. A manifiestación terá lugar este xoves día 30 ás 20 horas e percorrerá a distancia entre o centro educativo e o Concello de Vilaboa.

Os recortes implementados pola Consellería de Educación están a xerar graves consecuencias para a comunidade educativa de Vilaboa tanto en materias de audición e linguaxe como en profesorado auxiliar.

Así, e segundo confirmou a dirección do centro escolar ao alcalde de Vilaboa, César Poza, a atención especializada queda limitada aos casos extremos, deixando sen cobertura a numerosos nenos e nenas con diferentes problemáticas derivadas da linguaxe que viñan sendo atendidos. Esta situación obriga a moitas familias a buscar logopedas privados, o que supón un custo económico inasumible para moitos fogares e un agravamento das desigualdades educativas.

Os recortes de persoal dificultan a realización das gardas escolares. O colexio do Toural, que precisa profesorado de garda paracubrir dúas entradas por cuestións de organización e seguridade, afronta serias dificultades para garantir unha vixilancia axeitada. Esta carencia pode derivar en situacións de risco para o alumnado e incluso a eliminación de saídas educativas por falta de persoal no cadro docente

O goberno local de Vilaboa alerta de recortes cada vez máis frecuentes en áreas tan básicas como a educación e a sanidade. “Os servizos públicos véñense vendo mermados, e xa comezamos a ver as súas consecuencias nas nosas vilas”, apunta César Poza.

O Concello de Vilaboa fai un chamamento á participación cidadá activa para defender os dereitos fundamentais da comunidade educativa. “É responsabilidade de todos e todas loitar por unha educación pública, gratuíta e de calidade que garanta a igualdade de oportunidades para todo o alumnado, con independencia da súa situación económica ou das súas necesidades educativas específicas”, argumenta o alcalde de Vilaboa que ademáis indica que “a educación pública é un pilar fundamental dunha sociedade xusta e equitativa. Os recortes na atención especializada, no profesorado de apoio e nos recursos educativos supoñen un retroceso nos dereitos sociais que non podemos permitir”.

Por elo, o goberno local convoca a toda a veciñanza de Vilaboa a participar na manifestación para reclamar a reversión dos recortes en educación; a restauración das horas de atención especializada en audición e linguaxe; a recuperación do profesorado auxiliar eliminado e un compromiso firme da Xunta de Galicia coa educación pública de calidade.

“A educación é un dereito, non un privilexio”, conclúe César Poza.

Publicacións Relacionadas