A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asistiu esta tarde á inauguración do Hurbe de humanización da contorna da capela no que se investiu máis dun millón de euros
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o tenente de alcaldesa e concelleiro de Obra Pública, Camilo Grandal, a edil mosense da parroquia de Tameiga e deputada autonómica, Feli Rodríguez, demais membros do equipo de goberno local e un nutrido grupo de veciñanza da zona, inauguraron esta tarde as obras do Plan Hurbe de humanización da contorna de San Eleuterio; que comezaron a finais de agosto de 2023.
Para esta obra Xunta de Galicia e Concello de Mos destinaron un total de 1,03 M de € e a actuación acometeuse ao abeiro do chamado Plan Hurbe, un programa impulsado polo goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza. A Xunta tamén construirá na zona de San Eleuterio, parroquia de Tameiga, Vivenda de Protección Oficial, VPO, 100% pública; “para seguir a construír o gran San Eleuterio”, segundo expresaba hoxe a rexedora local mosense.
Como se dixo, a Xunta de Galicia e o Concello de Mos destinaron 1,03 millóns de euros á humanización da contorna da ermida de San Eleuterio, en Tameiga, segundo o convenio de colaboración que se asinou entre as administracións autonómica e local. Esta actuación tiña como obxectivo converter a contorna desta ermida nun espazo público de calidade no que se lle deu prioridade total aos peóns sobre os vehículos. A Xunta financiou o 70% da obra e o concello asumiu o 30% restante.
Con esta obra ponse en valor unha vez máis a colaboración estreita e coordinada entre Xunta e Concello de cara a dotar ao municipio de espazos públicos de calidade. Así, desde 2019 xa se levaron a cabo outras actuacións ao abeiro desta iniciativa, como a mellora da contorna da Casa Consistorial, a mellora urbanización e da pavimentación da urbanización de San Eleuterio, a humanización da contorna parroquial de San Mamede e a mellora integral da urbanización de San Rafael en Pereiras. As devanditas actuacións, supoñen un investimento global de 2,8 millóns de euros para mellorar as contornas públicas e humanizar rúas e prazas da localidade mosense.
Xa existe ademais outro Plan Hurbe comprometido pola a admnistración autonómica para a mellora integral da contorna da Igrexa de San Miguel de Pereiras, no que tamén se fará unha inversión de mais dun millón de euros. E pola súa banda, desde o Concello de Mos estase xa a traballar no proxecto para rematar a humanización da Estrada Tameiga-Pereiras, no tramo que transcorre dende San Eleuterio á Candosa en Pereiras, pasando por Pedraucha onde se porá en valor o entorno do Cristo do Bo Consello.
Neste caso da contorna da Ermida de San Eleuterio as obras consistiron na remodelación total da zona incluíndo dotación de zonas verdes, renovación completa do mobiliario urbano, iluminación e pavimentación, ademais da protección de todos os elementos culturais como a propia ermida de San Eleuterio, e o cruceiro.

