- O cociñeiro elaborará estes sándwiches para o beneficio da Comisión das Festas do Monte
Na tarde do próximo sábado 4 de abril, de 19:00 a 23:00h, a praza de Avelino Vicente acollerá unha foodtruck moi especial.
Esta foodtruck estará dirixida polo guardés Juan Collazo quen preparará o seu sándwich “Galicia en pan” para toda A Guarda tras a súa presentación en Madrid na final do concurso “El sándwich más bueno del mundo” impulsado por Delikia.
A súa idea parte de meter un lacón con grelos nun sándwich, realizando un pesto no que substiúe a albahaca polos grelos. Ademais usa produtos galegos como o lacón, pimentón ou o queixo de tetilla.
Trátase dunha colaboración coa Comisión das Festas do Monte, polo que o prezo de 5€ de cada sándwich irá destinado á organización da festa. Este evento conta coa colaboración de Delikia, A Rosaleira, Eroski Center, As Brasas e o Concello da Guarda.
O alcalde Roberto Carrero, resaltou que “este evento é unha mostra de como todos os guardeses e guardesas aportan o seu gran de area para o beneficio de toda A Guarda. Tras o apoio recibido pola vila para Juan é agora el quen o devolve para o beneficio das grandes festas”.

