HomeVigoMosO IES de Mos celebra este sábado o seu 30 aniversario cun...

O IES de Mos celebra este sábado o seu 30 aniversario cun acto conmemorativo no Multiusos de As Pozas

- Anuncio -spot_img

A alcaldesa Nidia Arévalo visitou hoxe a exposición polo 30 aniversario do IES de Mos, polo que xa pasaron máis de 20.000 alumnos nestas tres décadas

O IES de Mos cumpre 30 anos e celébrao baixo o lema “30 anos ensinando e aprendendo xuntos”. Con motivo desta conmemoración, o centro organizou unha exposición que percorre a súa historia e que hoxe foi visitada pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quen quixo achegarse persoalmente para compartir con alumnado e profesorado a emoción deste aniversario.

A mostra, que permanecerá aberta ata o sábado 4 de outubro en horario lectivo e tamén o propio sábado de 10:00 a 12:00 horas, recolle en imaxes, obxectos e lembranzas da traxectoria dun centro que xa formou a máis de 20.000 alumnos e alumnas ao longo destas tres décadas.

Durante a visita, a rexedora destacou que “o IES de Mos é moito máis ca un instituto: é unha parte fundamental da nosa historia recente, un lugar de aprendizaxe, amizade e convivencia que marcou a vida de milleiros de familias mosenses”.

O acto central da conmemoración terá lugar este sábado, 4 de outubro, ás 12:00 horas no Multiusos de As Pozas. Nel participarán os diferentes directores e directoras que lideraron o centro ao longo da súa traxectoria, un alumno en representación de cada curso, o ex alcalde Justo González Ballesta —quen impulsou a creación do instituto—, así como a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.

A celebración convértese así nunha homenaxe a todo o profesorado, alumnado e familias que fixeron posible estes 30 anos de historia educativa, e tamén nunha mirada de esperanza cara ao futuro, para seguir formando xeracións con orgullo de ser de Mos.

Publicacións Relacionadas