- A orquestra clásica de Vigo pechará o ciclo na Guarda cun concerto o sábado 16 de agosto
Onte presentouse no Monte Santa Trega, o II Ciclo de Concertos á Beira do Miño que levará concertos da Orquestra Clásica de Vigo a ambos dous lados da raia.
O ano pasado iniciouse este ciclo para fortalecer os lazos culturais entre Portugal e Galicia a través da cultura. Estes concertos contan coa colaboración da Deputación de Pontevedra, e percorrerán os concellos das Neves, Melgaço, Caminha e A Guarda.
A Guarda será o punto e final deste ciclo o sábado 16 de agosto cun concerto ás 21:00h no Auditorio de San Benito. Os concertos céntranse este ano na figura de Ludwig van Beethoven.
Ao acto de presentación acudiron os concelleiros Celso Fariñas e Isidro Lomba, así como o alcalde da Guarda, Roberto Carrero, quen destacou que “a cooperación cos nosos veciños de Portugal debe ser en todos os sentidos, tamén na cultura”. No mesmo senso, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, tamén destacou que “tendemos pontes culturais entre ambas beiras do Miño”.
Por Caminha asistiu o concelleiro João António Branco que asegurou que “somos o mesmo pobo e a sentimos a mesma cultura. Ademais a música une pobos”.
Tamén asistiron os directores artístico e técnico da orquestra, Manuel Martínez Álvarez- Nava e Manuel Martínez Torres, que aseguraron que “é unha oportunidade para a Clásica de saír do seu ámbito natural de teatros de Vigo”.