O Jazz regresa ás rúas do concello de Ponteareas con actividades para todos os públicos

adminON
Lectura mínima de 4

O jazz regresa ás rúas do Concello de Ponteareas co novo festival “The Jazz Street”, unha primeira edición que nace coa vontade de converterse nun referente do jazz galego. A cita celebrarase o 2 de agosto, desenvolvéndose principalmente na Praza Maior, así como noutros espazos que acollerán diferentes actividades.

Este festival será unha viaxe no tempo e transformará as rúas de Ponteareas na Nova Orleáns de 1920, berce do jazz, para traer consigo o espírito do jazz a través da música, desfiles, obradoiros, postos e actividades para ser desfrutadas por todos os públicos.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Cultura, Juan Carlos González, explicou que “este festival nace como un espazo de encontro para todas as persoas, tanto para quen xa ama o jazz como para quen quere descubrilo por primeira vez. A través de concertos, desfiles, obradoiros e actividades participativas, buscamos que o público poida vivir o jazz con todos os sentidos. Ademais, este festival aposta polo talento galego: abrimos escenario a músicos novos, estudantes e agrupacións locais que atopan aquí unha oportunidade real para formarse, tocar en directo e compartir espazo coas grandes figuras do xénero en Galicia. Queremos que Ponteareas sexa un punto de partida para novas carreiras e, sobre todo, para novas paixóns”.

O festival ofrecerá unha programación variada que combina formación, divulgación, música en directo e animación nas rúas. Entre as actividades previstas atópanse o obradoiro “Armonía e ensemble do jazz”, impartido por Felipe Villar, docente no Conservatorio Mayeusis e director do Nigranjazz, e a charla-presentación “O jazz en Galicia”, a cargo do profesor e investigador Adrián Besada, quen achegará ao público a historia deste xénero na nosa terra a través do seu novo libro.

A música en vivo será protagonista coas actuacións de Inés Carreño Cuarteto (jazz contemporáneo con raíces galegas. Unha actuación chea de frescura, talento e composicións propias), Marcos Pin Trío (jazz contemporáneo con personalidade propia. Un trío que combina tradición e creatividade nunha actuación chea de matices) e a animación itinerante da St. James Dixie Band. O público tamén poderá participar nunha jam session e nunha clase de iniciación ao swing para todos os públicos. O festival contará tamén cun recuncho infantil e obradoiros pensados para que os máis cativos gocen e descubran o espírito do jazz dun xeito divertido e participativo. A colaboración dos hostaleiros e comerciantes locais será clave para dar vida a esta recreación, achegando á veciñanza e visitantes unha pequena mostra gastronómica inspirada nos sabores dos anos 20.

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro destacou que “con este festival apostamos por achegar o jazz a todos os públicos, creando espazos de participación e desfrute na rúa, combinando formación, música en directo e animación coa vontade de dinamizar cultural e socialmente o noso concello. Ademais, queremos animar a que os veciños e veciñas, ademais de todas aquelas persoas que nos visiten nesta data, se animen a revivir esta época tan especial da historia vestíndose de temática dos anos 20 coas súas familias e amigos”.

Comparte este artigo