Ao longo de 80 páxinas recóllense textos literarios históricos e culturais xunto a unha ampla colección de fotografías
O Concello de Tui edita cada ano libro das festas de San Telmo, no que este ano o 800 aniversario da consagración da Catedral ten especial protagonismo. Trátase dunha publicación de 80 páxinas na que a través de trece colaboracións se abordan tamén outros temas como a figura de San Telmo e a propia cidade. O libro, cunha coidada edición, recolle unha trintena de fotografías antigas da cidade e da catedral xunto a outro amplo número de imaxes actuais deste templo e a cidade histórica da autoría de Gus Abreu.
Así o libro das Festas de San Telmo deste ano 2026 conta coa colaboración con interesantes achegas de carácter histórico, cultural ou literarios, entre outros autores, de Marta Cendón (profesora da Universidade de Santiago e presidenta do Instituto de Estudios Tudenses), Carmen Manso (da Real Academia de la Historia), Ernesto Iglesias Almeida (Cronista Oficial da Cidade), Francisco Díaz-Fierros (catedrático da Universidade de Santiago), Isilda Salvador (do Núcleo Museológico de Valença), Cristóbal Ramírez (xornalista de La Voz de Galicia), Luis Pose (historiador), Pablo Álvarez Yáñez ou Rafael Sánchez Bargiela. Completan a publicación os poemas de “Carmeliña” (Carmen de Jesús García Pereira) ou “Romer” (Alberto Romero) xunto a un documentado artigo sobre o centenario do Tyde CF que se celebra neste ano 2026.
A concelleira de Cultura tudense, Sonsoles Vicente Solla, destaca a calidade desta publicación que edita anualmente o concello de Tui tanto pola súa coidada edición como polo seu contido que contribúe á difusión do acervo patrimonial da nosa cidade co gallo das nosas festas patronais de San Telmo. Unha obra que é amplamente valorada pola veciñanza. As persoas que desexen obter un exemplar do libro das festas pode retiralo, a cambio dun quilo de alimentos non perecedoiros, na Casa do Concello ou na Biblioteca Municipal.

