– “Monstros”, de Producións Teatrais Excéntricas, abrirá este domingo o VIII Ciclo de Teatro Infantil de Redondela. Esta aclamada obra teatral reflexiona sobre o medo a través do humor. A compañía Malasombra, Cayetano Lledó, Redrum Teatro e Rouxa Cía. completan unha programación variada e de gran calidade para o público familiar.
Redondela estrea esta fin de semana o VIII Ciclo de Teatro Infantil, con funcións no Auditorio Municipal da Xunqueira durante os próximos meses. A concellería de Cultura escolleu para esta edición cinco representacións moi variadas para que o público infantil e familiar poida gozar do mellor teatro en directo.
A programación comeza este domingo, día 25 de xaneiro ás 18:00 horas cunha proposta de gran nivel: “Monstros”, de Producións Teatrais Excéntricas. Patricia Vázquez, Rocío González e Víctor Mosqueira son os protagonistas da obra con música en directo de Piti Sanz e a dirección de Marcos Orsi. “Monstros” é un espectáculo que reflexiona sobre aquelo que consideramos monstruoso e tal vez por iso nos aterroriza. Pero faino desde o humor, “porque a risa é o mellor antídoto contra o que nos asusta”. Este espectáculo é unha viaxe na que asistimos a un desfile de criaturas terroríficas que nos acaban ensinando que o atroz está nos ollos de quen mira.
O domingo 1 de febreiro será a quenda de “Teatro de Papel” de Rauxa Cía. O 1 de marzo a maxia e o humor serán os protagonistas de “Un Show Incríbel” con Cayetano Lledó. O 15 de marzo será a quenda de “Os Contos do Lobicán” con Redrum Teatro e o ciclo rematará o 12 de abril coa compañía Malasombra e “Os Fabulosos Cleaners» .
A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, agarda que o ciclo “sexa un éxito, igual que en anos anteriores”. Sinala que en Redondela “hai moita tradición e moito gusto polo teatro, e desde o Concello esforzámonos por traer cada ano as mellores propostas do panorama galego cunha oferta variada ”.
Todas as funcións serán ás 18.00 horas. O prezo das entradas é de 3 euros e poden retirarse no propio Multiúsos da Xunqueira.



