Celébrase na planta 0 desde este mércores ata o sábado entre as 11.30 horas e as 20.30 horas
Haberá debuxos orixinais, bixutería artesanal, roupa sostible, acuarelas, ilustracións, manga, impresións en 3D, minipuzles ou velas aromáticas
O Centro Comercial Gran Vía de Vigo acolle desde este mércores ata o sábado a décima edición do mercado de arte e creatividade Mona, no que participarán máis de 40 creadores repartidos nos catro días do evento. Celébrase desde as 11.30 horas ata as 20.30 horas na planta cero, xunto ao acceso da rúa Miradoiro.
Os participantes no Mona, que cumpre tres anos, ofrecerán ilustración botánica, acuarela, adhesivos, manga, bixutería artesanal, cerámica, debuxos orixinais, roupa sostible para adultos e menores, pintura acrílica, láminas, minipuzles, impresións en 3D, cunchas de vieira intervidas con técnica mixta e pan de ouro, fanzines, velas aromáticas ou cómics.
A directora do mercado Mona, a ilustradora e deseñadora gráfica Larissa Lyra, tamén impulsora do Vintax Market, destaca que o obxectivo do evento é “levar a arte a espazos cotiáns e facer que sexa accesible para todos”. “Queremos fortalecer a comunidade artística local e xerar vínculos entre os participantes e co público”, subliña.
Lyra pon en valor que “comprar a un artesán ou artista local en lugar de apostar por grandes marcas é un acto político que implica tomar posición sobre como queremos que funcionen a economía e a sociedade”. “Animamos á xente para vir ao mercado para coñecer en persoa o talento local de tantos profesionais”, continúa.
A organización celebra a gran acollida que tivo a décima edición do Mona, na que se anotaron máis de 70 persoas nos catro días nos que estivo aberto o formulario de inscrición.
Debido á elevada demanda, decidiu ampliar a duración do mercado, que se celebrará durante catro días seguidos por primeira vez en tres anos.
As edicións primeira, segunda, cuarta, quinta, sétima e oitava celebráronse no Centro Comercial Gran Vía, un espazo icónico e concorrido, elixido estratexicamente para achegar o talento artístico local a un público diverso e amplo. A terceira edición desenvolveuse na Contedora e a sexta e a novena, na terraza da Póla.
No Mona, cuxa imaxe representativa é o corpo da Mona Lisa cunha cabeza de gaivota, especie característica da costa olívica, veciños e visitantes poderán apreciar a calidade dos artigos que levarán os artistas e falar con eles para resolver dúbidas ou informarse sobre as técnicas de elaboración e retos nos seus procesos elaborativos.
Na conta de Instagram do mercado, @mona_mercadoarte, pódese profundar no estilo de cada un dos artistas ou colectivos que formarán parte do evento, descubrir algunhas das creacións que expoñerán no Mona, coñecer que día acudirán ao Centro Comercial Gran Vía ou desfrutar de imaxes e vídeos das nove edicións anteriores.

