O Concello abre o vindeiro luns 10 de novembro o prazo de inscrición para participar neste espazo que se celebrará do 6 ao 8 de decembro
As luces do Nadal comezan a debuxar o camiño no Rosal. O Concello dá o pistoletazo de saída a unha das actividades máis agardadas destas datas, o Mercado de Nadal, un escaparate aberto á creatividade, ao talento artesán e ao produto local que converterá o municipio nun punto de encontro para artistas, creadoras e amantes do feito a man.
O Concello abrirá a convocatoria para participar o vindeiro luns 10 de novembro ás 09.00 h, momento a partir do cal as persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude por Rexistro de entrada ata o 25 de novembro. O mercado celebrarase os días 6, 7 e 8 de decembro no salón de exposicións do Concello, cun horario de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 21.00 h.
Este espazo está dirixido a asociacións sen ánimo de lucro, persoas artesás e creadoras de diversos sectores –como moda, complementos, ilustración, fotografía, xoguetería ou deseño–, ademais de produtoras e produtores gastronómicos, como mel, queixos, marmeladas, turróns ou repostería. En total ofreceranse 14 postos, que se asignarán por estrita orde de entrada da solicitude, garantindo así un proceso claro e igualitario.
Cada posto deberá contar coa súa propia montaxe e decoración, sempre co obxectivo de crear un ambiente atractivo e acorde ao espírito do Nadal, que convide á veciñanza e visitantes a descubrir pezas únicas, orixinais e de proximidade.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, salienta o carácter dinamizador desta iniciativa, xa que “este mercado é unha oportunidade para poñer en valor a creatividade e o talento das nosas creadoras e artesás. Queremos ofrecerlles un espazo de visibilidade e apoio nunhas datas nas que o comercio local cobra especial importancia, reforzando ao mesmo tempo a vida cultural e social do concello”.
Desde o goberno local anímase á participación tanto de expositores e expositoras como do público, consolidando así o Mercado de Nadal como unha cita anual imprescindible para impulsar o tecido creativo, promover o consumo responsable e fortalecer a identidade cultural do Rosal.



