Néstor Rego e Lucía Santos explicarán este venres 30 de xaneiro, ás 20.00 horas, no Museo Municipal Manuel Torres, o estado actual do proxecto Abrir Marín ao mar, tras a luz verde do Congreso
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) celebrará este venres 30 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Museo Municipal Manuel Torres, o acto público “Abrir Marín ao mar, recuperar o noso”, para explicar o proxecto Abrir Marín ao Mar e abrir un espazo de información e debate sobre a recuperación do litoral de Marín.
No acto intervirán Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, e Lucía Santos, voceira do BNG de Marín. Rego abordará o papel das institucións estatais, mentres Santos explicará a posición e as propostas do BNG para a vila.
O acto celébrase tras a aprobación no Congreso dos Deputados dunha iniciativa que insta o Goberno do Estado a iniciar o proceso de cesión dos terreos, un respaldo político previo que abre unha oportunidade para avanzar na recuperación da beiramar.
A iniciativa aposta por facilitar un maior acceso público á beiramar e mellorar a integración do litoral na vila, sen cuestionar os usos do porto nin da Escola Naval Militar, co obxectivo de avanzar cara a un Marín máis habitábel, sostíbel e socialmente cohesionado.
Desde o BNG fan un chamamento á participación da veciñanza nun debate clave para o futuro da vila.



