• O evento, organizado pola Coral de Poio, en colaboración co Concello, volve a celebrarse despois da súa cancelación nos anos 2020 e 2021 por mor da situación sanitaria da COVID-19
Logo da súa última celebración no ano 2019, o Mosteiro de Poio, na parroquia de San Xoán, volverá acoller esta fin de semana unha nova edición do Certamen de Corais, unha cita emblemática que chega aos 23 anos de existencia e que está organizada pola Coral de Poio, en colaboración co Concello e coa Deputación de Pontevedra, a través do programa Pontegal, así como coa propia Parroquia de San Xoán.
O evento terá lugar este sábado, a partires das 20.30 horas, no Mosteiro. Nesta ocasión, ademais do colectivo organizador, tamén está prevista a participación da Coral Lembranzas e da Coral de Beluso (Bueu). A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), amosa a súa satisfacción polo feito de que Poio poida recuperar “unha cita que desde hai máis de dúas décadas é un clásico nestas datas e que nos dos últimos anos tivo que se cancelada debido á situación sanitaria derivada da pandemia da COVID-19”. A edil do Goberno local salienta o esforzo e o traballo realizado polos e polas responsables da coral, “un dos colectivos de maior tradición do noso concello”, que desenvolve iniciativas coma esta ou como o Certame de Panxoliñas en Nadal.