HomePontevedraPoioO Nadal vívese en Poio con máis de 30 actividades lúdicas pensadas...

O Nadal vívese en Poio con máis de 30 actividades lúdicas pensadas para toda a familia

- Anuncio -spot_img

• O programa deseñado pola Concellería de Cultura comeza este venres co prendido do alumeado e finalizará o 8 de xaneiro, cun concerto a cargo de La Ocaband

• Raquel Rodríguez (BNG) salienta a gran variedade da oferta, pensada parapersoas de todas as idades, e que recupera citas de relevancia como as Badaladas de San Martiño, ademais da Carpa de Nadal na Seca, onde se desenvolverán obradoiros, en colaboración con Mocidade, espectáculos de maxia ou a gran recepción aos Reis Magos o 5 de xaneiro

Preto de 30 actividades pensadas para as crianzas e para gozar en familia, animación nas rúas, maxia, contacontos, deporte, música e moitas outras sorpresas, sen esquecer a visita dos Reis Magos, protagonizan o ‘Vive o Nadal en Poio!’, a programación que a Concellería de Cultura organiza para estas datas tan emblemáticas. O alcalde, Luciano Sobral, e a titular da área, Raquel Rodríguez (BNG), deron detalle de todas estas iniciativas luns, acompañados da edil de Mocidade, Rosa Fernández (PSOE), director da Escola de Música e dos Trasnos de Nadal, que animarán as parroquias e os centros educativos do municipio. A edil nacionalista sinala que “apostamos por unha fórmula variada, moi ambiciosa e que pretende recuperar o espírito do Nadal por todo o alto, logo de dous anos nos que nos vimos na obriga de adaptarnos á situación sanitaria”.

Deste xeito, desde o 11 de decembro, co Concerto de Panxoliñas da Coral de Poio na igrexa de San Salvador (19.00 horas), ata o domingo 8 de xaneiro, as iniciativas lúdicas apenas darán respiro. Xa desde o domingo 18, coa tradicional Papanoelada Moteira polas estradas do concello, a cargo do Motoclub A Rosa dos Ventos, ou co concerto que ofrecerá a Escola de Música de Poio o luns 19, ás 20.30 horas, no Centro Cultural Xaime

Illa de Raxó, a programación permanecerá activa ata a entrada do ano 2023. Neste sentido, Raquel Rodríguez tamén quixo agradecer e salientar a implicación do tecido asociativo do concello, que tamén ofrecerá actividades que axudan a reforzar esta programación” e que colabora activamente para que “este programa sexa un dos máis completos da bisbarra”.

Por segundo ano consecutivo, a explanada da Seca acollerá a Carpa de Nadal, na que, desde o 26 de decembro e ata o 8 de xaneiro, a diversión estará asegurada para toda a familia. Será neste emprazamento onde, por exemplo, se impartirán os obradoiros O Nadal na túa man, organizados pola Concellería de Mocidade, entre o 26 e o 28 de decembro.

Tamén hai unha colaboración da Concellería de Deportes, dirixida pola nacionalista Marga Caldas, que ofrece unha exhibición de ximnasia rítmica, a cargo do Club Saraiba, o venres 30 ás 17.00 horas, no mesmo emprazamento. Tampouco faltará o Nadal en rodas, con karts a pedais e quads, entre outras sorpresas. O mércores 28, asemade, será o espectáculo musical a cargo dos Trastos do Nadal, ás 18.30 horas.

Previamente, procederase á entrega de premios ás rapazas gañadoras do Concurso de Tarxetas de Nadal. O xoves 29 será outra das grandes datas, co espectáculo de maxia e ilusionismo a cargo do Mago Paco, ás 17.30 horas.

Volven as Uvas e Badaladas de San Martiño

Un dos grandes atractivos da programación de Vive o Nadal en Poio! Será a recuperación das Badaladas de San Martiño, o día 30 de decembro ás 20.00 horas. Unha gran festa para anticiparse á despedida do 2022, na que haberá degustación de rosca e chocolate e se animará á veciñanza a achegarse con instrumentos musicais para vivir unha gran foliada. Raquel Rodríguez tamén adiantou que o 5 de xaneiro, como non podería ser doutro xeito, os Reis Magos chegarán a Poio, cunha visita matinal ás parroquias, desde as 11.00 horas, e a recepción na carpa da Seca pola tarde.

Por último, outras das grandes novidades do programa será na fin de semana posterior a Reis. O sábado 7, haberá a Festa Infantil co DJ Javi Solla, mentres que o domingo 8 A Orquestra LaOcaband ofrecerá un concerto ás 18.00 horas, como broche de ouro “a unhas festas de Nadal que queremos que resulten inesquecibles para a toda a nosa veciñanza”, concluíu Raquel Rodríguez.

Publicacións Relacionadas