HomeBaixo MiñoA GuardaO Nadal volverá ata a Guarda cunha completa programación moi pensada para...

O Nadal volverá ata a Guarda cunha completa programación moi pensada para gozar especialmente en familia

- Anuncio -spot_img

Baixo o nome “A maxia do Nadal” concentraranse nas dúas semanas centrais do Nadal cunha chea de actividades para tódolos públicos.

A Guarda xa ten todo listo para a celebración do Nadal 2023, na que se quere caracterizar por recuperar unha programación cultural de rúa pensada para os diferentes grupos de idade e gustos culturais, aínda que como ven sendo habitual sabemos que as crianzas son os principais protagonistas destas datas, e así se reflicte nas propostas.

O inicio da programación estará marcado polo acendido da iluminación de que terá lugar o venres 8 de decembro ás 20h, que estará acompañado – se o tempo o permite – dun pasarrúas e a actuación do Grupo de Gaitas da Terceira Idade.

A partir desta ponte festiva da Constitución poderemos gozar tamén co Nadal nas Prazas, unha decoración moi singular que un ano mais corre a cargo das diferentes asociacións da Guarda. Colectivos como San Xerome, Avelaíña, Percamino, Comisión de Festas da Guía, Piueiro, Terceira Idade, Érguete e Transmiño decoran con material reciclado e sostible aqueles puntos e prazas mais preto da súa actividade, cunha temática común que este ano quixo inspirarse no clásico “Conto de Nadal” ou nos diferentes contos de Nadal da nosa tradición

A programación continuará a partir da segunda quincena de decembro coas citas tradicionais para estas datas: o tradicional Concerto de Panxoliñas na Igrexa Parroquial da Guarda coa participación dos grupos corais guardeses terá lugar o 17 de decembro. O Concerto de Nadal do Conservatorio de Música o 21 de decembro e a Carreira de San Silvestre organizada pola Sociedade Atelética do Trega o día 23 de decembro con saída do Porto.

Mais como indicábamos ao principio os protagonistas do Nadal son as crianzas e as familias, é foi pensando nelas que se articulou unha intensa programación de actividades participativas e espectáculos para os cativos e cativas, comezando o sábado 16 de decembro con espectáculo de humor Abracadáver no Centro Cultural, seguiranlle a partir do día 27 na Praza de Avelino Vicente: xogos populares, actividades de animación e baile , retos de Nadal, o concerto de Paco Nogueiras (29 de decembro) e o espectáculo As palabras perdidas (3 de xaneiro). Nesta praza instalarase unha carpa para garantir a realización das activdades.

Por último, pensando nos amantes da música que ten a nosa vila, programaronse para os sábados destas semanas dous concertos de blues, soul e rock a cargo do grupo Awen, de Vigo o día 23 de decembro na praza de Avelino Vicente e o día 30 de decembro, o grupo guardés Gold&Colt presentará o seu último disco no Centro Cultural da Guarda. Ambos concertos serán as 20h.

RESUMO DA AXENDA:
8 DE DECEMBRO
20:00h. Na Praza do Reló
ACENDIDO DA ILUMINACIÓN DE NADAL
16 de DECEMBRO
18:00h. Centro Cultural
ABRACADÁVER, espectáculo infantil de teatro e clown
17 DE DECEMBRO
17:00h. Igrexa Parroquial
CONCERTO DE PANXOLIÑAS
21 DE DECEMBRO
20:00H. Centro Cultural
CONCERTO DE NADAL DO CONSERVATORIO DE MÚSICA
23 DE DECEMBRO
• 11.00h. No Porto da Guarda
CARREIRA “SAN SILVESTRE”
• 20:00H. Praza de Avelino Vicente
CONCERTO DO GRUPO AWEN.
27 DE DECEMBRO
17h. A 19.30h.Praza de Avelino Vicente
XOGOS POPULARES: Xogos de madeira, da rá, zancos, buxainas, combas…
28 DE DECEMBRO
17:00H. Praza de Avelino Vicente
A BAILAR NO NADAL, espectáculo infantil
29 DE DECEMBRO
17:00H. Praza de Avelino Vicente
PACO NOGUEIRAS EN CONCERTO “CONTO CONTIGO”
30 DE DECEMBRO
20:00h. Centro Cultural
CONCERTO GOLD AND COLT
3 DE XANEIRO
17:00H. Praza de Avelino Vicente
AS PALABRAS PERDIDAS, espectáculo infantil
4 de XANEIRO
17:00 a 19.00h.h.
Xogos de Nadal: retos, música, baile
5 DE XANEIRO
Cabalgata de Reis e Recepción dos Reis Magos

Publicacións Relacionadas